Este xoves, 6 de maio, comeza o Preolímpico Mundial de Loita en Sofía (Bulgaria). En categoría feminina, Lydia Pérez ten aínda unha oportunidade máis de acudir a Toquio 2021, pero para logralo deberá clasificarse este venres e sábado.
A loitadora perdeu a súa primeira oportunidade no anterior clasificatorio, de Budapest, quedando fóra do podio ao caer cun axustado 1-2 contra a loitadora moldava Mariana Cherdivara. Esta semana é a súa ocasión de resarcirse e competir nos Xogos Olímpicos.
Pérez, representante do Club de Loita de Pontevedra, acumula tres concentracións (Suecia, Hungría e Bulgaria), nesta tempada co obxectivo da clasificación olímpica en mente. Só as finalistas poderán acudir aos Xogos, polo que a pontevedresa deberá colgarse o ouro ou a prata para clasificarse.
A clasificación no Preolímpico
Neste campionato, póñense en xogo seis finais, polo que ata 12 finalistas obterán a clasificación, en cada modalidade. O total de billetes olímpicos é de 36. Lydia Pérez competirá en -62 kg.
A loitadora está a realizar unha gran tempada, cunha traxectoria ascendente, polo que será unha dura rival para as outras 21 deportistas inscritas nesta proba.
A competición poderá seguirse vía streaming nesta ligazón.
Lydia Pérez preparouse na concentración de Bulgaria
Antes de disputar este Preolímpico, a loitadora galega Lydia Pérez xa se atopaba en terras búlgaras. A deportista estivo concentrada desde o 26 de abril en Samokov, preparando a clasificación olímpica.
Ver esta publicación en Instagram
Pérez formou parte dunha concentración de loitadoras internacionais durante dez días, adestrando coa mente e o corpo centrados en obter o último billete a Toquio. Con ela está o técnico pontevedrésdo CGTD Marcos Miragaya, quen tamén adestra ao candidato masculino, José Cuba.
Sobre a elección de Miragaya como técnico pola Fegaloita (quen ademais financia a viaxe), Pablo Pintos, director técnico da Federación comenta que: “Estar pendentes de todos os aspectos da preparación dun deportista de alto nivel, non só é enfocarse no adestramento. Debemos controlar todo o que rodea ás nosas deportistas, e quen mellor que un técnico galego para axudalas na última oportunidade para clasificarse”.