A competición na máxima categoría do futsal español está moi reñida. No Grupo A, dous equipos dividen a metade superior e inferior e citaranse nesta xornada. O Ourense Envialia recibirá ao CD Leganés. Ambas as dúas escuadras están nesa zona da clasificación que se adoita chamar morna, xa que nin dá frío, nin calor. O partido celebrarase o sábado, 27 de febreiro, ás 18:00 horas.
As ourensás deberán aproveitar o impulso dos seus últimos resultados para vencer neste partido. O Envialia chega dun empate sufrido ante o Penya Esplugues na xornada anterior, nun encontro que tiña por gañado ata o gol final das locais.
No encontro anterior, as galegas impuxéronse comodamente ante o colista, o Teldeportivo, cunha ampla goleada 6-2.
Con estes resultados e os obtidos nas dez citas anteriores o Envialia ocupa a cuarta posición con opcións de estar no podio. As de Morenín suman 22 puntos en sete vitorias, un empate e catro derrotas.
E xusto por debaixo dela, na quinta posición da Primeira División de Fútbol Sala, está o Leganés. Con cinco vitorias, tamén un empate, e seis derrotas as madrileñas acumulan 16 puntos.
Pola súa parte, as que serán visitantes neste encontro chegan dunha dura derrota 6-0 ante o Futsi Atlético, un dos equipos máis fortes da competición. Previsiblemente, o Leganés buscará redimirse desta derrota ante un máis adquirible rival como é o Envialia.
O Envialia foi vencedor na ida
Con todo, nas filas ourensás xa coñecen a clave para vencer ás madrileñas. Xa o fixeron na primeira volta, cando se impuxeron por un 4-6 xogando a domicilio.
Naquel momento, as galegas chegaban coa metade de puntos que o Leganés, pero mostraron sobre a pista a súa superioridade.
O público volve ao Paco Paz
A afección poderá volver a desfrutar do futsal en directo, acudindo ao Paco Paz. O precio das entradas é de 5 euros e venderanse ata completar aforo.
Para facer unha reserva haberá que enviar un mail a ourensecf@ourensecf.es co asunto: OURENSE ENVIALIA FSF – CD LEGANÉS e incluindo o nome, apelidos, DNI e teléfono.