As xogadoras do Dépor ABANCA, adestrado por Miguel Llorente, disputan este domingo o encontro adiado ante o Zaragoza, no cal, se vencen, volverán a ser líderes.
O equipo caeu derrotado por primeira vez na casa no último partido que disputaron, pero isto non fai fraquear as branquiazuis: “Non temos medo, temos moita confianza en nós mesmas. Sabemos o que facemos e imos fortes, sen medo, a poñernos líderes”.
Llorente: “Somos persoas e cando durante un tempo as cousas non veñen de cara está ben parar”
Así de rotundo mostrábase hoxe o técnico deportivista en rolda de prensa, quen admite que o parón ligueiro tras perder ante o Osasuna foi unha vantaxe para as herculinas: “Somos persoas e cando durante un tempo as cousas non veñen de cara, por lesións, COVID ou historias, está ben parar, mirar que se pode mellorar, falar, comunicarnos”.
Llorente súmase ás declaracións do seu homólogo no equipo masculino, Borja Jiménez, quen falaba de “estar xuntitos e xuntitas. Isto fixemos esta semana”. O adestrador do Dépor ABANCA explicou que nas últimas sesións de traballo, o grupo volveu “aos nosos básicos, que perderamos nos últimos partidos, no que somos boas e a estar xuntas, falar e comentar cousas que podemos mellorar”.
O liderado pasa por vencer ao Zaragoza
Dentro do vestiario deportivista son consicentes das posibilidades de ascenso que ten o equipo. “Temos o ascenso totalmente favorable, igual que outros equipos. Tal e como estamos e a situación que temos, somos candidatas ao ascenso”, afirma Llorente.
Pero para promocionar só hai unha praza dispoñible, a primeira, á que poderán acceder se suman os tres puntos ante o seu próximo rival, o Zaragoza.
Del, o míster branquiazul sinala fortalezas como a súa evolución na competición: “É un equipo que deu un paso adiante, que sabe o que ten. E xogan ao seu e nos últimos partidos deulles resultado”.
Con todo, as aragonesas teñen un estilo de xogo moi diferente do que se acostuma a ver en Abegondo. “Xoga a un tipo de xogo que quizais eu non comparta, pero paréceme diferente, nin mellor nin peor, máis directo. Nesta segunda etapa vexo que son máis asociativas, pero iso non quere dicir que sexa mellor. A nós pódenos vir ben ser asociativas pero a un equipo como o Zaragoza ao mellor venlle mellor ser máis directo, xogar ás costas, con xente rápida arriba”, explicaba o técnico.
En resumo, o preparador considera que a cita da fin de semana será “un partido moi moi complicado, ademais da situación na que chegamos sabendo que temos que gañar”.
Unha das claves pasará polo aspecto psicolóxico, “o 80% do partido”, e as deportivisitas de Miguel Llorente buscarán “facer o campo o máis grande posible, para que a elas lles custe chegar aos laterais. Ao separarte máis atopas máis espazos por dentro para asociar mellor, pero iso tamén o traballan elas e é unha maneira complicada de afrontar partidos”.
As galegas deberán “ser pacientes” e “non precipitarse en buscar esa acción boa en cada momento que dea o partido”.
Un Dépor ABANCA sen medo
Durante este tempo de pausa, o Dépor ABANCA recuperou bastantes das súas xogadoras e Miguel Llorente poderá contar con todas agás Alba Merino.
Miguel Llorente: “A min o que me gusta son os retos e isto refórzame”
Con moitos efectivos, o conxunto afronta o vindeiro reto “con ganas, coma sempre. A min o que me gusta son os retos e isto refórzame. Non temos medo, isto é o que esperabamos que fora ser. Ata as últimas xornadas non ía cambiar, e así vai ser. Será un partido moi complicado, pero ao que imos con ganas de afrontalo porque se gañamos poñémonos líderes”