Mañá sábado 20 de novembro, o CGTD de Pontevedra acollerá o partido da LF2 entre o CB Arxil e o Melilla Sport Capital La Salle que o club galego escolleu para a sensibilización cara á igualdade de oportunidades no Deporte e o berro de ‘NON’ á violencia de xénero.
Durante esta semana o CB Arxil difundiu en redes publicacións das xogadoras do equipo de LF2 visibilizando o NON cara a varias situacións de violencia de xénero, facendo alusión ao publicado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia como imaxe da campaña.
Baixo a lema NON e cun photocoll traseiro cos patrocinadores da campaña presentouse no CGTD por Maite Méndez, adestradora, acompañada por Heather Forster, Ruth Adams e Dunja Buzadzin, xogadoras do CB Arxil, e Jesús López Rodríguez, director do CGTD en representación da Secretaría Xeral para ou Deporte.
Esta campaña de sensibilización pola igualdade de oportunidades e en contra da violencia de xénero, forma parte do Plan de patrocinio publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia e está dentro do Plan da Xunta de Galicia contra a violencia de xénero, que á súa vez está no Pacto de Estado contra a mesma, e aglutina os esforzos da Consellería de Emprego e Igualdade e da Secretaría Xeral para o Deporte.
Forma parte deste plan, 102 equipos femininos de varias especialidades deportivas, que durante estes días, levarán a cabo actuacións de sensibilización, dada a proximidade do 25N, Dia Internacional contra a violencia de xénero.

Explican desde o CB Arxil que “grazas a esta colaboración de ambas as entidades e á aposta realizada polas deportistas galegas, os clubs recibimos un incentivo máis para seguir co noso labor non só en busca do éxito deportivo, se non tamén nos valores do esforzo, o compañeirismo, o traballo, a resiliencia e a superación como colectivo. Os clubs e equipos femininos, somos impulsores da igualdade de oportunidades, rompemos estereotipos e demostramos co noso labor diario que o deporte non entende de xénero”.
Segundo o CB Arxil mañá sábado no partido da LF2, “farase unha foto de familia en presenza dos dous equipos senior do club e o equipo visitante, que este ano é o Melilla. O photocall deixarase posto na entrada do pabellon para que todas as persoas, grupos ou familias que queiran facerse eco da campaña poidan fotografarse e subir as fotos a redes. Ademais haberá un evento deportivo único que consiste nunha andaina popular que se desenvolverá en Santiago o vindeiro domingo 21 de novembro”.