O RC Deportivo vén de comunicar que a xogadora asturiana do Dépor ABANCA Laurina estará de baixa por un “período de tempo indeterminado, á marxe do día a día do primeiro equipo co único obxectivo de coidar a súa saúde mental”.
O club coruñés pide “pide respecto á privacidade de Laurina para colaborar así coa súa boa evolución”. Ademais, a entidade branquiazul mándalle á futbolista “o agarimo de todo o club”, e espera “poder contar con ela de novo no momento que sexa adecuado”.

Desde o RC Deportivo amosouse, nun comunicado feito público esta tarde, “o apoio incondicional á futbolista nun proceso supervisado en todo momento polos Servizos Médicos”.
A afección amosa o seu apoio a Laurina
Logo de que o Dépor ABANCA fixese público ese comunicado as mostras de apoio á futbolista repetíronse. “Moito ánimo”, “Forza”, “O máis importante é a saúde. Volve cando queras, esperarémoste”. “Ánimo Laurina!”, “Moito ánimo e a coidarse”, “Unha aperta enorme a Laurina, Coidate moito, descansa e recuperate. Iso é o unico importante. E bravo Dépor por apoiala”.
Estes e outros comentarios de apoio á deportista pódese ver no fío do comunicado do Dépor que acompaña a esta información.
Comunicado oficial sobre Laurinahttps://t.co/CF9hne41hQ pic.twitter.com/NCUv5E6hA8
— Dépor ABANCA (@RCDeportivoFem) December 1, 2023
O propio RC Deportivo comentaba en X: “Moito ánimo, Laurina! Desde o #Dépor mandámosche toda a forza do mundo“.
Laura Gutiérrez Sáenz de Santa María (Luanco, Asturias, 18 de abril de 2000), fichaba polo Dépor ABANCA este verán e leva disputados xa nove partidos ás ordes de Irene Ferreras. Na primeira xornada de Liga da Primera Federación neste curso 2023-24 anotou o 1-2 que deu o triunfo ao conxunto galego ante o CE Europa. Xoga pola zona esqueda, como extremo.
Formouse na canteira do Oviedo Moderno CF, co que chegou a debutar na máxima categoría estatal con só 15 anos. Ao Dépor ABANCA a futbolista chegaba procedente do Real Betis Féminas desde a Liga F.
A futbolista de Luanco foi internacional con España en categorías inferiores acadando o subcampeonato de Europa Sub-17 en 2016 e o terceiro posto no Mundial Sub-17 celebrado en Xordania ese mesmo ano.





















