O ciclocrós galego renovou a súa nómina de campioas e campións autonómicos este domingo en Poio nunha cita pasada por auga. Sobre a lama do circuíto da Seca, a Sub-23 Laura Mira (Supermercados Froiz) e o elite Samuel González (Máis Que Bicis) fixeron bos os prognósticos que os situaban como principais candidatos á vitoria nas quendas raíñas. A porriñesa e o vigués encabezaron unha nómina de quince gañadores na que só tres ciclocrosistas repetiron título respecto ao ano anterior.
O Campionato de Galicia – V Ciclocrós Poio Móvese puxo o punto final á temporada 2022, a máis internacional na historia autonómica desta especialidade. A décimo novena e última proba do calendario reuniu a 250 participantes que tiveron que superar obstáculos, atravesar treitos de area e, sobre todo, botar un pulso ao barro. Todo isto nun fermoso escenario ao carón do mar e coa garantía de éxito que supón a organización por parte do Poio Bike Club e do Concello de Poio. Ademais das carreiras de competición, tamén se celebraron unha proba inclusiva e outra de promoción infantil.
#CampionatoCX22 | Laura Mira e Samuel González cumpren co papel de favoritos
🥇 A sub23 do @GFroiz e o elite do Máis Que Bicis dominaron as quendas raíñas en Poio. As coroas autonómicas cambian de mans en doce categorías
🔗 https://t.co/TnisJ83Jov#NON pic.twitter.com/4ZwMeANJMk
— F_Galega de Ciclismo (@F_Gal_Ciclismo) January 8, 2023
Sete raíñas do ciclocrós galego
Todos os grupos de idade femininos compartiron manga nesta proba de ciclocrós, repartíndose en total sete camisolas de campioas de Galicia. Laura Mira era a roda a seguir na carreira Elite-Sub23-Júnior tras dominar as dúas últimas xornadas da Copa e a ciclocrosista do Supermercados Froiz confirmou en Poio o seu bo momento de forma.
Cun tempo de 43’24”, Laura Mira conquistou a vitoria absoluta feminina nesta proba de ciclocrós e o título Sub-23 no ano do seu debut na categoría. A porriñesa tivo que empregarse a fondo para dobregar cunha renda de 37″ á nova campioa júnior Sarela Conde (Academia Postal-Maceda), que nos últimos metros viu ameazada a segunda posición pola insistencia da Sub-23 Sofía Álvarez (Cambre).
As diferenzas entre as primeiras foron reducidas. María Jesús Barros (Team Oiense), cuarta a 56″ de Laura Mira, levouse o campionato elite por diante de Rebeca Fontela (Máis Que Bicis), a quen bateu por 33″. As catro corredoras que remataron a continuación das cinco primeiras tamén obtiveron medalla: Marta Estévez (XSM) concluíu sexta e segunda júnior, Vania Gregores (Lynalfa-Ponteareas) sétima e terceira júnior, Eva Ortega (Extol) oitava e terceira elite, e Carmen Mallo (Farto) novena e terceira sub23.
En canto ás masters, a campioa estatal Marina González (Illas Cíes) revalidou o título autonómico e no podio estivo escoltada por Jana Buba (Coruxo) e a local Andrea Pousada (Poio Bike Club), segunda e terceira respectivamente. Iria Nieto (Compostelano) venceu nas máster-30 e Isabel Castro (Condado Bike) fixo o propio nas máster-50.
A sétima coroa feminina recaeu na cadete Lorena Patiño (XSM), a gañadora esta campaña da xeral e de todas as probas da Copa de España. Iris Fernández (Academia Postal-Maceda), segunda, e Alejandra Neira (Cambre), terceira, colgáronse os outros metais.
Samuel González, vencedor da xeral na Copa Galicia
Vencedor da xeral da Copa Galicia, anotándose case a metade das xornadas, Samuel González engadiu ao seu palmarés un título que se lle resistía. O corredor do Máis Que Bicis proclamouse por primeira vez Campión de Galicia na categoría elite. O seu triunfo absoluto en Poio asinouno cun rexistro de 53 minutos e 40 segundos, avantaxando en 54″ a Ricardo Buba (High Level), que subiu ao máis alto do podio na categoría sub23. A liña de meta cruzouna en terceira posición o sub23 Anxo Carril (Coruxo), a 1’33” do gañador, penalizado por un contratempo mecánico que sufriu na última volta.
Preto dos tres primeiros, rematando cuarto a 2’17” de Samuel González, moveuse o elite Saúl López (Academia Postal-Maceda). Por detrás do monfortino abriuse un oco importante en relación a tres ciclistas que se xogaron a quinta praza absoluta e o bronce elite. Nesa pugna Xavier Meizoso (Narón) superou por 4″ a Brais Sendín (Academia Postal-Maceda) e por 15″ a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño). A oitava posición correspondeu a David Fernández (Avanza-O Porriño), o terceiro clasificado entre os sub23.
A quenda raíña masculina tamén a disputaron os juniors e, do mesmo xeito que nos elites e nos Sub-23, o gañador da Copa autonómica cumpriu cos prognósticos. André Martínez (Avanza-O Porriño) impúxose na categoría xuvenil por 27″ de marxe sobre Alejandro García (Academia Postal-Maceda) e por 49″ en relación a Martín Díaz (Caimanes Betanzos).
Cadetes e masters masculinos
Antes da quenda das mulleres disputouse a competición cadete masculina con Néstor Frías (Academia Postal-Maceda) erguendo os brazos como triunfador. O segundo posto non o deixou escapar Xián Alvariño (Lynalfa-Ponteareas) nun axustado final con Santiago Otero (XSM).
O programa de carreiras na Seca arrancara cos grupos de idade máster masculinos. Dous ciclocrosistas defenderon con éxito a súa condición de campións de Galicia. Andrés Calvete (Monte Xalo) volveu ser o máis forte nos máster-40, con Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) terminando segundo e José Rodríguez Tamy (Norinver) meténdose terceiro con remonta incluída.
Tamén retivo o título Manuel González Ojea (Bici O Con) nos máster-60 ao finalizar por diante de Tucho González (Salvaterra) e de Manuel Dorrio (Cambre). En cambio, Miguel Porto (Ponteareas) converteuse no novo rei autonómico dos máster-30, alcanzando o segundo chazo do caixón Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) e o terceiro Francisco Baña (Compostelano), mentres que nos máster-50 Marcial Rodríguez (QueBici-Marcisport), que poñía o título en xogo, tivo que conformarse coa cuarta praza na vitoria de José Manuel Gómez (Xesteiras) seguido por José Manuel Comesaña (Monteferro) e Óscar González (Máis Que Bicis).
Para resgardarse da chuvia a entrega de premios tivo lugar no interior do Polideportivo Municipal. A concelleira Marga Caldas recibiu unha camisola de campioa de Galicia por parte da Federación Ciclismo Galego (FGC) como agradecemento ao seu apoio a este deporte.
O reparto de maillots e de trofeos tamén contou coa presenza de Gregorio Agís, concelleiro e deputado provincial; de Francisco Albar, máximo responsable do Poio Bike Club; de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; de Óscar Sánchez, directivo da FCG; e de David Carrilo, secretario da FCG.
Unha vez completado o calendario autonómico, o próximo reto do ciclocrós galego chegará dende o próximo venres e ata o domingo no Campionato de España que este ano ten como sede a localidade barcelonesa de Vic.