O Municipal da Sagrada Familia na Coruña acollía un partido entre dous equipos ascendidos á máxima categoría do FutSalFem estatal: o Viaxes Amarelle FSF e La Boca Te Lía FutSal Alcantarilla. Os reforzos das murcianas para afrontar esta tempada fixéronse notar sobre a cancha. As visitantes golearon con contundencia ás galegas por 0-6.

La Boca Te Lía Futsal Alcantarilla tirou proveito da desaparición do Universidad de Alicante
O equipo herculino do Viaxes Amarelle FSF, dirixido por Jorge Basanta, afrontaba o seu primeiro partido como local e facíao recibindo a visita doutro recentemente ascendido, o La Boca Te Lía Futsal Alcantarilla (LBTL) aínda que este último reforzado con sete xogadoras da primeira categoría, aproveitando a desaparición do Universidad de Alicante. O partido disputábase de ti a ti, pero o maior acerto para gol das visitantes terminou por dar unha goleada contundente do equipo murciano sobre as herculinas, ao impoñerse por un marcador de 0-6.

O partido empezaba con dous equipos que exercían unha presión moi alta para roubar e sorprender con disparos exteriores. Tras uns primeiros minutos de tenteo, onde parecía que a iniciativa a tomaban as visitantes, chegaba o momento das oportunidades para o conxunto herculino; pero o gol que subiu ao marcador foi aos seis minutos para La Boca Te Lía Futsal Alcantarilla, nunha xogada de estratexia de córner, que Aitana Olaso finalizaba desde dentro da área.

Os dous equipos mostrábanse moi serios na defensa, con bos repregamentos, e a posesión do balón íase alternando para ambos os equipos. Con todo, o Viaxes Amarelle FSF buscaba máis a portería das murcianas. A falta de seis minutos para o final do partido, roubo de balón en cancha propia das murcianas, que empezan unha rápida transición que finaliza Marta de los Riscos cun potente disparo exterior que ampla distancias.

O conxunto visitante empeza a defender a súa vantaxe no marcador, e as herculinas buscan con máis afán un gol, que non terminaba por chegar, e o partido vaise ao descanso con vantaxe de dous goles para a escuadra murciana.

Logo do descanso o Viaxes Amarelle FSF seguía buscando a portería contraria, pero atopábase cun rival moi forte en defensa e que apenas deixaba espazos para recortar distancias. Xa na medianía do segundo período, Pao finaliza unha contra rápida e pon o 0-3 para o La Boca Te Lía Futsal Alcantarilla.

O equipo laranxa seguía á procura do gol que as metese no partido; e optaron polo xogo de cinco nos últimos seis minutos de partido, pero unha defensa alta das murcianas, apenas deixou máis de tres ocasiones para as herculinas de meterse no partido, que non conseguiron aproveitar. Mentres que o equipo dirixido por Alicia Morell conseguía poñer tres goles nos últimos dous minutos, dous deles nos últimos 30 segundos, ao aproveitar roubos de balón no xogo de cinco. Así, facía que o partido finalizase cun castigo demasiado grande para as herculinas no marcador.

Tras este novo duelo oficial da tempada, o conxunto herculino retoma o luns os adestramentos, e faio coa vista posta na seguinte xornada da competición ligueira a próxima fin de semana.

Chega a terceira xornada da Primeira División da RFEF do Futsal Feminino, que terá lugar o sábado 24 de setembro de 2022, a partir das 18:00 horas na Cidade Deportiva Gran Canaria (As Palmas), onde o Viaxes Amarelle FSF visitará ao Gran Canaria Teldeportivo FSF.

FICHA TÉCNICA
0) VIAXES AMARELLE FSF: Leti Rojo, Cris Lourés, Carol Agulla, Èlia Gullí e Clàudia Lobo – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Lau Doce, María Gómez, Khrystyna Stepanenko e Marta Hermo.
6) LA BOCA TE LÍA FUTSAL ALCANTARILLA: Irene Franco, Anita, Aitana Olaso, Elenita e Marta de los Riscos – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Pao, Iraia, Beth, Mari, Blanca, Raquelilla e Ana Romero.
GOLES: 0-1 Aitana Olaso (min. 6); 0-2 Marta de los Riscos (min. 14); 0-3 Pao (min. 31); 0-4 Marta de los Riscos (min. 38); 0-5 Marta de los Riscos (min. 40); 0-6 Marta de los Riscos (min.40).
EQUIPO ARBITRAL: Pablo Enrique Guntín Garrido, Héctor Vilas López e Araujo do Comité Técnico de Árbitros de Ourense. Mesa: Lucía Manso Porteiro do Comité Técnico de Árbitros da Coruña. Amonestaron a Èlia Gullí e Leti Rojo do Viaxes Amarelle FSF con cartón amarelo. Tamén viu cartón amarelo o delegado del La Boca Te Lía Futsal Alcantarilla.
Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada da Primeira División da RFEF do FutSalFem disputado no pavillón da Sagrada Familia (A Coruña).
