Na súa primeira etapa no club, Julio Delgado foi un dos máximos responsables de que o equipo feminino do Pescados Rubén Burela se convertera en todo un referente deportivo. Con Julio Delgado no banco, o equipo viviu a mellor época da súa historia, transformada na suma de 12 títulos nas vitrinas do club.
Isto permitiulle ó CD Burela FS ser considerado dous anos seguidos o Mellor Club Feminino do Mundo por Futsalplanet Awards, mentres que o propio Julio Delgado foi nomeado o Mellor Adestrador do Fútbol Sala Feminino do mundo. Desde CD Burela FS cremos que non hai ninguén mellor para seguir dirixindo ás Guerreiras Laranxas e por iso anunciamos a renovación de Julio Delgado.
“Esta tempada o equipo sufriu cambios, reforzouse con xogadoras internacionais con moito futuro por diante, sendo Julio Delgado un técnico ideal para que sigan progresando e crecendo deportivamente”, aseguran desde o Pescados Rubén Burela.
A segunda etapa de Delgado comezou a finais da tempada pasada substituíndo a Lucas, desde a entidade da Mariña queren “darlle continuidade con esta renovación. As Guerreiras Laranxas volverán loitar por todo, incluíndo o título de liga, que dará comezo á tempada o próximo 10 de setembro visitando a cancha do Rayo Majadahonda”, anhelan desde o club lucense.