- Itziar Martínez chegou á Guarda en 2023 procedente da segunda categoría, e dende entón deixou destacables actuacións en ataque e defensa grazas ao seu físico e potencial de mellora
O Mecalia Atlético Guardés e Itziar Martínez separan os seus camiños. A primeira liña granadina abandonará o equipo da Sangriña no vindeiro curso 2025/2026 despois de dúas grandes tempadas na Guarda, en busca de novos retos na súa carreira deportiva.
Itziar Martínez chegou ao Mecalia Atlético Guardés no 2023 na que foi a súa primeira experiencia na categoría elite tras un positivo percorrido na División de Honra Ouro. Dende entón luciu a camiseta branquivermella desenvolvéndose principalmente dende o lateral dereito, asinando dúas tempadas con grandes actuacións grazas ao potencial defensivo e a rapidez ofensiva que o seu bo físico lle permiten.
Na recentemente clausurada liga regular deste ano, a granadina acumulou un total de 58 goles ás súas costas.
Polo demais, Itziar Martínez mesmo chegou a chamar a atención da Selección Española, coa que compartiu varias xornadas de concentración e adestramento o pasado mes de setembro.

Tras dous anos de crecemento da man do Mecalia Atlético Guardés , a xogadora andaluza decidiu tomar un novo rumbo na súa carreira deportiva, polo que os partidos restantes na eliminatoria polo título serán os derradeiros que xogue no equipo galego.
Itziar Martínez: “Voume namorada da vila, da xente, do equipo e da afección”
“Voume namorada dunha vila, da súa xente, dun equipo e dunha afección enorme”, compartiu Itziar Martínez nunha publicación a xeito de despedida nas súas redes sociais, na que indica que “é imposible describir o que se sinte na Sangriña, hai que vivilo, e eu tiven a sorte de poder facelo”.

Así mesmo, a lateral dereito agradeceu ao conxunto e á súa afección por estes dous anos, engadindo que “non podo estar máis orgullosa do meu equipo, do conseguido, do loitado e do que fixemos (e o que nos queda)”, en referencia á fase final dunha liga aínda por decidir.
O Mecalia Atlético Guardés agradece igualmente a Itziar Martínez pola súa aportación ao equipo nestas dúas tempadas e deséxalle o mellor para o seu futuro deportivo e persoal. Esperamos poder celebrar da súa man un derradeiro logro xuntos nas semanas que restan de play-off polo ansiado título ligueiro.





















