O primeiro posto da categoría feminina na Copa Galicia Enduro quedou no concello anfitrión. A elite ponteareá Isabel Castro (Condado Bike) superou no man a man á máster-30 Gabi Ferraz (Terras do Bouro). No resto de categorías subiron ao máis alto do podio e recibiron os seus maillots de líderes da Copa a cadete Alba Caínzos (Pulpeiros), o cadete André Martínez (Avanza), o júnior David Fernández (Avanza), o sub-23 Joel Antón (Bici O Con), o máster-30 Santos Lemos (Grupeta Pan de Zarko), o máster-40 José Manuel López Vaqueiro (VK Bikes) e o máster-50 José Manuel Romero (+Enduro).
Un especialista no descenso liderou a Copa Galicia Enduro na categoría masculina. O elite Marco Veiga (CiclosQuintena) anotouse o triunfo este domingo en Ponteareas na apertura do puxante certame autonómico. A proba organizada pola ADC Picaraña bateu o seu récord de participación con 256 inscritos.
A Copa desta modalidade do BTT chegou este ano cargada de novidades. Nunca antes constara de sete xornadas puntuables, estrea a categoría de parellas, e ademais, introduce a clasificación por equipos e conta con incorporacións de nivel na nómina de riders como a de Veiga. O vixente campión de Galicia de descenso presentouse ao grande no calendario galego de Enduro.
Despois de debutar nesta disciplina dúas semana antes no Open de España de La Adrada, o naronés soubo adaptarse a un percorrido enlamado polas chuvias caídas nas horas previas e durante a competición. O do CiclosQuintena marcou o mellor tempo en tres dos catro parciais cronometrados.
“Non coñecía este monte e os treitos gustáronme moito. A chuvia cambiou por completo as condicións do terreo. Púxose moi complicado. Nas zonas máis técnicas esvarábase moito máis e físicamente fíxose máis duro. Souben manter a presión que meteron os rivais e fun dosificando”, sinalou Veiga.
Marco Veiga, elite do CiclosQuintena: “Non coñecía este monte e os treitos gustáronme moito. A chuvia cambiou por completo as condicións do terreo. Púxose moi complicado”.
O vencedor impúxose cun tempo final de 16 minutos e 52 segundos. Os tres primeiros clasificados na táboa scratch foron corredores da categoría elite. Mauro González (Salvaterra) rematou segundo a 15″ e Pablo Míguez (Bici Verde), terceiro a 30″ de Veiga.
A táboa por equipos ten como primeiro triunfador da súa historia ao Bici Verde, mentres que Alejandro Juncal e Iván Freire tiveron a honra de abrir o palmarés da competición por parellas. Nas outras categorías que están ao marxe da Copa venceron David Pazos (Rocasport) nas E-Bikes e Serafín Rodríguez (Bici O Con) entre os amateurs.
Marco Veiga, elite do CiclosQuintena: “Nas zonas máis técnicas esvarábase moito máis e físicamente fíxose máis duro. Souben manter a presión que meteron os rivais e fun dosificando”.
A entrega de premios contou coa presenza de Chus Garrote, tenente alcalde de Ponteareas. Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade. José Pose, presidente da ADC Picaraña. Carlos Portas, patrocinador do evento. Óscar Sánchez, directivo da Federación Galega de Ciclismo (FGC) e Begoña Carpinteiro, secretaria da FGC. A Copa regresará o 29 de marzo coa Baixomiño Enduro Experience.