- As nosas seleccións galegas de fútbol femininas e masculinas, as irmandiñas, xa coñecen o calendario dos Campionatos de España de seleccións autonómicas.
- O 24 de febreiro vaise celebrar o sorteo.
O Campionato de España de Seleccións Autonómicas de fútbol para as categorías Sub-14 e Sub-16 masculinas e Sub-15 e Sub-17 femininas xa teñen calendario e formato de competición. Os nosos e as nosas retomaron esta semana os adestramentos baixo a tutela da RFGF despois dun periodo de inactividade motivado pola situación sanitaria e aumentarán a carga de traballo nas próximas semanas de cara a estas citas nacionais. Vicky Vázquez, seleccionadora Sub-15, e Quim Valbuena, adestrador Sub-17, traballaron coas súas pupilas.
🔥🔛 As nosas seleccións volven aos adestramentos!!!
🔹 A Sub 14 e Sub 16 masculinas completaron a primeira sesión do ano en Rois
🔹 A Sub 17 Feminina traballou en Callobre💙 #sentindoGalicia | #SeleccionGalega pic.twitter.com/tJ6jQyM0Xa
— RFGF (@futgal) February 15, 2022
A loita polo título nacional, tanto nas categorías masculina como feminina, estará dividida en dúas fases. Aí estarán as seleccións galegas, as irmandiñas. “A primeira fase para os combinados femininos terá lugar do 1 ao 3 de abril, mentres que para as seleccións masculinas disputarase do 29 de abril ao 1 de maio.
A segunda fase ou fase final na categoría feminina disputarase do venres 3 ao domingo 5 de xuño, sendo as semifinais o martes 7 e as finais o mércores 8, mentres que na categoría masculina terá lugar do venres 17 ao domingo 19 de xuño, sendo as semifinais o martes 21 e as finais o mércores 22”, informa a RFGF.
Así é o formato de competición do Campionato de España
Tal e como detalla a Real Federación Galega de Fútbol, da primeira fase da competición destes Campionatos de España “sairán os 8 combinados clasificados para loitar polo título nacional de Seleccións Territoriais en ambas as categorías, que nesta segunda e decisiva fase formarán parte do denominado Grupo Ouro”.
As once seleccións restantes que non lograsen clasificarse para formar parte deste Grupo Ouro tamén competirán no Grupo Prata.
Grupo Ouro
Formado por oito seleccións divididas en dous grupos de catro: A e B. Durante tres xornadas enfrontaranse todos contra todos e os dous primeiros clasificados de cada grupo disputarán as semifinais.
Grupo Prata
Formado polas once seleccións restantes divididas en tres grupos: C con catro equipos, D con outros catro equipos e D con tres conxuntos. Clasificaranse para as semifinais os tres primeiros clasificados de cada un dos tres grupos e o mellor segundo. Desta fase de “consolación” tamén sairá un campión.
Sorteo, o día 24 de febreiro para saber os grupos para as irmandiñas
Está pendente a configuración dos grupos. O sorteo para a designación das sedes e a configuración dos grupos celebrarase na sede da RFEF o xoves 24 de febreiro.
Para a determinación das sedes da primeira fase infórmase que, como continuación ao sorteo da última tempada, a Federación Cántabra será unha das sedes. Así mesmo, sortearase entre as Federacións Estremeña, Catalá, Canaria, Navarra, Principado de Asturias e Ceuta. Unha delas será excluída e será sede fixa para a seguinte tempada.
As fútbolistas das irmandiñas Sub-15 e Sub-17, convocadas para o primeiro adestramento de 2022