Irene Trabazo obtivo nesta fin de semana a súa primeira vitoria da tempada na proba da Copa Galicia de Ciclocross celebrada na primeira edición do Ciclocross Concello da Guarda. O Club Ciclista In Situ organizou esta competición na que a ciclista elite-sub23 do XSM Club fíxose coa vitoria.
Tamén venceron nas súas categorías Laura Mira, do GD Supermercados Froiz, en júnior, María Filgueiras, do Río Miera, en cadete e Montserrat Martínez, do Oiense, en máster-30, afianzando os seus liderados. En máster-40, Marina González, do Illas Cíes, deu a sorpresa ao impoñerse a Rocío Blanco, da Forna.
Triunfo traballado de Trabazo
O desenlace da proba elite-sub23 e júnior feminina estivo axustado ata o último momento. As tres primeiras remataron nunha marxe de 10”. A elite marinense Irene Trabazo, recuperada da lesión que lle obrigou a perderse as primeiras citas do calendario, abriu a súa conta de triunfos desta campaña cun rexistro de 36:40 e 5” de vantaxe sobre a líder sub23 Carla Fernández (Team Farto), gañadora o sábado no Rosal. A líder júnior Laura Mira (Supermercados Froiz) fíxose coa terceira praza neste duelo a tres bandas. María Jesús Barros (Spol), undécima, mantense primeira na xeral elite.
Antes desta proba, Fernández debutou coa Selección Española, vencendo no Trofeo Montes de Eiras.
A internacional Carla Fernández domina a categoría Sub-23 da Copa Galicia do Rosal
Case todas as corredoras e os corredores que dominan os ránkings da Copa venceron no resto das categorías. Só houbo dúas excepcións: a feminina en máster-40 con Marina González e Óscar González (Máis Que Bicis) en máster-50 anotouse a competición, nun grupo de idade no que o líder Antonio Sousa acusou as dores provocadas por unha caída e concluíu 18º.
Tamén reforzaron os seus maillots con triunfos Tomás Pombo (Cambre) en cadetes; Ricardo Buba (Coruxo) nos juniors; e Jonathan Sousa (In Situ) no máster-30; Andrés Calvete (Monte Xalo) no máster-40; e Antonio González (Salvaterra) no máster-60.
O pano desta xornada baixouse cunha cerimonia de podio que contou coa presenza de Montse Magallanes, concelleira de Deportes; Fernando González, vicepresidente do Club Ciclista In Situ; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
A Copa Galicia regresará o vindeiro sábado en Sanxenxo co II Ciclocross Con da Raíña.
Vitoria de Rodríguez na masculina
No apartado masculino, menos de 24 horas despois de impoñerse no Rosal, o líder absoluto da categoría raíña masculina, o sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), rubricou na Guarda unha fin de semana perfecta. Miguel Rodríguez repetiu vitoria nun circuíto que pouco tivo que ver co do día anterior. Os ciclistas atopáronse na oitava xornada da Copa un espectacular labirinto que esixía a máxima concentración para non cometer erros.
Nese trazado tan revirado, o ponteareán do Supermercados Froiz adxudicouse a carreira elite-sub23 cun tempo de 57 minutos e 41 segundos, superando en 17” ao segundo clasificado, e gañador elite, o vigués Samuel González (Máis Que Bicis). A liña de meta cruzouna en terceira posición Anxo Carril (Coruxo), a 32” do vencedor absoluto. O líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal) tivo que conformarse co sétimo posto.