- Irene Sampere iniciará a súa segunda tempada coas Guerreiras Laranxas co obxectivo de loitar por todo.
En apenas unha tempada Irene Samper xa se revelou como unha peza crave no ataque do CD Burela FS. Con experiencia na Selección Española, chegou á Mariña lucense coa intención de seguir crecendo e gañar títulos.
A 16 laranxa vive por e para o fútbol sala, e agora faino co orgullo de levar o laranxa na camiseta e o torque no peito. Con ese compromiso e esa calidade sobre a cancha, “a renovación de Irene na tempada 22/23 xunto o Pescados Rubén Burela só pode ser beneficiosa para o equipo”, explican desde o club da Mariña.
A pesar de levar tan só unha tempada no conxunto mariñán, xa contribuíu en grandes éxitos como a consecución dunha Supercopa de España, unha Copa da Raíña e a Futsal Women’s European Champions, considerada a Champions League do fútbol sala. Esta tempada, xa integrada no equipo desde o inicio e con máis experiencia, seguro que será unha inmellorable oportunidade de volver loitar por todo.
Irene Samper é xoven pero cunha experiencia que demostra a súa pericia na cancha. Aos 17 anos, a zaragozana fichou polo filial do AD Alcorcón FSF, e en menos dun ano gañouse o seu posto no bloque do primeiro equipo.
Irene Samper, habitual na Selección Española
Desde 2017 é asidua da Selección Española, onde tamén demostrou a súa calidade e recentemente converteuse novamente en campioa da Eurocopa. Despois de seis anos en Madrid, chegou a Burela para crecer aínda máis como futbolista.