A visita a UDG Tenerife B non ten pinta de ser unha saída cómoda para o Dépor ABANCA. A propia adestradora, Irene Ferreras avisa de que será un partido “incómodo” e advirte de que será o equipo galego o que leve o peso do encontro pero chama a atención ao perigo das tinerfeñas nas transicións.
Irene Ferreras espera para As Nosas deportivistas esta semana “un partido incómodo polo estilo do rival. É un equipo que en casa se está facendo forte e que ademais está a defender moi ben e recibindo moi poucos goles desde o cambio de adestrador. A súa característica principal é que quizá sexa un dos equipos da categoría con menos posesión. O que supón que imos ter que levar un pouco as rendas do partido nesa faceta e é un equipo moi perigoso en transicións, con moita individualidade no último terzo”, explica a entrenadora madrileña.

O partido terá lugar mañá, domingo 12 de marzo ás 18:00 horas en La Hoya del Pozo (El Médano, Tenerife). O rival, será o filial da UDG Tenerife (Unión Deportiva Granadilla Tenerife).
A adestradora do Dépor ABANCA advirte que para este cruce, como noutras ocasións, “imos ter que estar moi concentradas para defender ben, para non deixar o equipo partido, para tentar non cometer ningunha falta innecesaria…. A tendencia do seu xogo lévache a moita disputa, a moito duelo”.
Comentaba aos medios Irene Ferreras que o conxunto galego terá que “darlle moita importancia a que fagamos con eses balóns que recuperemos, ser capaces de acertar nese primeiro pase para que o equipo poida ter esa estabilidade na estrutura e podamos ter o control do xogo. Desde ter o control do xogo, imos poder atopar as nosas ocasións”.
Admite Irene Ferreras que “temos unha oportunidade bonita. Se nós seguimos sumando de 3 en 3 esa praza de ascenso é nosa. Aínda queda moito, non nos imos a volver tolos nese sentido, pero si que é un bo momento para tentar ser un pouquiño máis regulares. Imos poñernos ese reto”.
Explicaba a adestradora deportivista na previa do partido contra a UDG Tenerife B: “Somos o Dépor ABANCA, levamos xa moitos meses de traballo e hai certas cousas do xogo consolidadas. O outro día (ante o RCD Espanyol en Abegondo) gocei moito vendo ao meu equipo xogar porque se albiscan cousas que se traballan no día a día e sobre todo vou vendo xa soltura en certas xogadoras a nivel individual, que tamén é algo importante cando empezas un proxecto e tentas levalas a certas tendencias do xogo”.

Subliña que “é un bo momento para o equipo, tanto a nivel de sensacións como a nivel de resultados. Poder traer os 3 puntos de Tenerife suporía para nós dar estabilidade e chegar á próxima xornada en Abegondo con todo na nosa man”.
Irene Ferreras opina que o actual líder, o FC Barcelona B, “é un gran equipo. É dos equipos, senón o equipo que mellor fútbol práctica da competición. Está claro que lle vai a quitar puntos a todo o mundo. A nós xa nos quitou 3 na ida. Témolo que tentar é que na volta sexamos capaces de quitarllos nós”.
Está convencida de que, polo moito que se xogan os equipos, “vanse a dar resultados que se cadra a priori non se esperaban tanto. Pois a aproveitar esas situacións que se van dando fin de semana a fin de semana e sobre todo pensar en nós, sumar nós e manternos aí”.