Catro de catro é un bo sinal, Empezar ben sempre é mellor que empezar mal. Pero xa sabemos que como di o refraneiro, isto non é como comeza se non que é como remata. Por iso Irene Ferreras amousouse na sala de prensa de Abegondo optimista, segura pero convidou a ter “os pés no chan”.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación previa ao partido desta fin de semana contra do RCD Espanyol, Irene Ferreras, adestradora do Dépor ABANCA, subliñou que, a pesar das 4 vitorias en 4 partidos e de que “sempre é mellor empezar ben, non é definitivo. Imos ter os pés no chan sempre e veñan os resultados que veñan, asumilos con equilibrio e tranquilidade”.
Irene Ferreras advertía que a tempada “é moi longa, acaba de empezar e evidentemente chegarán todo tipo de resultados. Se me dás a elixir, loxicamente prefiro empezar así. Isto axuda moito mentalmente a soltar un pouquiño esa presión, a ir atopándonos cada vez mellor no xogo. É moito máis fácil traballar sumando vitorias, esa é a realidade”.
Irene Ferreras: “Gocemos do momento”
No entanto, asegura que “tentamos valorar o momento que vivimos, tentamos esixirnos ao máximo no día a día para que iso que está a pasar dúrenos o máximo posible e podamos seguir sumando de 3 en 3”.
Por este motivo, Irene Ferreras pide “gozar do momento, que é moi bo; coa ilusión de poder facer as cousas ben o domingo, sabendo que unha vitoria nos vai a reforzar moi positivamente a nivel emocional, pero pase o que pase con tranquilidade, porque ao día seguinte sairá o sol e seguiremos traballando”.
Do RCD Espanyol, rival este domingo 15 de outubro (11:00, TVG-2) na Cidade Deportiva Dani Jarque, opina que “máis aló de que circunstancialmente sexa primeiro ou contra segundo, é o RCD Espanyol, que sempre motiva. É un un club histórico dentro do fútbol feminino. Sempre vai ser un dos grandes, independentemente do momento no que estea”.
Advirte Irene Ferreras que “imos con moita motivación, sabendo que vai ser un encontro onde temos que estar ao noso mellor nivel para tentar sacar a vitoria”.
O RCD Espanyol, un rival importante
A adestradora deportivista lembraba ante os medios na sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo que o partido “máis que importante, porque importantes son todos e os 3 puntos valen igual sexa contra quen sexa, ten unha tinguidura especial porque son dous escudos moi recoñecidos, dous equipos que levan facendo as cousas moi ben e que loitan por un mesmo obxectivo que é volver á máxima categoría. Imos xogar ademais a unha instalación cunha boa infraestrutura… Este tipo de partidos sempre motiva. As mozas merecéronse chegar alí coa ilusión de, se gañamos, volver colocarnos aí e iso imos tentar”.