“Estou moi contenta. Facíame moita ilusión gañar hoxe”. Así empezaba Irene Ferreras a rolda de prensa na zona mixta de Riazor logo de vencer o XI Trofeo Teresa Herrera. Aínda que quixera negar a súa satisfacción, o seu sorriso delatábaa.
Para a adestradora do Dépor ABANCA esta primeira pedra de toque do curso 2023-24 permitou ver cousas interesantes. “Colleunos no primeiro partido de pretempada, gústache sempre vir un pouco máis preparadas, fáltanos rodaxe. Coido que se viron boas intencións, houbo pequenos erros, normais a estas alturas, quédome coas intencións das xogadoras, que se van adquirindo aquelas cousas que estamos a adestrar e sobre todo con ter gañado ese Trofeo que nos facía moita ilusión”.
A adestradora do Dépor ABANCA, Irene Ferreras, viviu o partido case sen sentar no banco, sempre de pé dando indicacións ás futbolistas: “Gústame gañar sempre. Gústame que o tempo que invirtamos nos partidos amistosos xa teñamos ese hábito competitivo”
Irene Ferreras viviu o partido case todo o tempo de xogo levantada, dando indicacións desde a área técnica. Custou vela sentada no banco. Consultada por esa circunstancia explicaba que é unha persoa “moi intensa. Gústame gañar sempre. Gústame que o tempo que invirtamos nos partidos amistosos xa teñamos ese hábito competitivo. Ten que estar no día a día, tamén nos adestramentos. Gústame estar sempre dando información, aquí en Riazor non chega tanta como en Abegondo. Foi unha experiencia preciosa”.
Ferreras mira máis aló do resultado
É desas deportistas que non quere perder nin as canicas, pero Irene Ferreras tamén era consciente de que na pretempada gañar é importante, pero máis aínda como se chega a ese resultado vitorioso. E iso foi ao que máis importancia parecía darlle a adestradora deportivista. “Intentamos ir xestionando os momentos”, explicaba aos medios. “Os resultados importantes son cando se xoguen os tres puntos en tempada. Pero as boas dinámicas cando chegan en pretempada tamén axudan. Para nós gañar hoxe era importante, é un trofeo moi importante, e tamén facelo como o fixemos. Boa parte do partido fomos mellores e poideron xogar todas as futbolistas. Estou moi contenta, satisfeita, mañá analizaremos pero mellor empezar así”.
Irene Ferreras estabaa contenta: “Boa parte do partido fomos mellores e poideron xogar todas as futbolistas. Estou moi contenta, satisfeita, mañá analizaremos pero mellor empezar así”
O Trofeo Teresa Herrera permitiu ao corpo técnico deportivista facer rotacións e as típicas probas de pretempada. Así se viu no tepe, e así o confirmaba Irene Ferreras. “Era un día para probar cousas, para xuntar a xogadoras que poden ser interesantes e ver que relacións se daban. O partido de hoxe era especial, tamén que todas se poidesen levar o premio de xogalo e ter a súa oportunidade se o resultado e o partido o permitía”.
“Hai xogadoras interesantes que chegan desde abaixo”, di Ferreras
Nos 90 minutos da final do XI Trofeo Teresa Herrera houbo minutos para todas as xogadoras, as fichaxes, as que repiten, ás canteirás… A Ferreras gustoulle o que víu: “Estou contenta por que creo que o equipo ten esa homexeneidade da plantilla. O nivel mantense. Hai xogadoras interesantes que chegan desde abaixo. Puidemos rotar. Foi un deses días nos que todo vén rodado e é doado tomar as decisións nos cambios. Outros días non é tan doado. A disfrutar. Toca descansar e logo volver a entrenar que hai moitas cousas para mellorar”.
Non todas as xogadoras están para xogar 90 minutos neste momento da pretempada. Hai que xestionar as cargas para evitar lesións. Nese sentido, segundo apuntaba a adestradora: “Tiñamos que atopar o equilibrio. Temos xogadoras que a estas alturas poden aguantar os 90 minutos como foi o caso de Inés, de Henar de Paula. Coñéceas e sabes o ritmo ao que están adestrando. Outras hai que ir xestionándoas segundo as cargas de adestramento. Creo que deuse todo como queriamos. Quedan moitos partidos de pretempada para seguir probando cousas, collendo minutos e pouco a pouco máis xogadoras, de maneira progresiva, alcancen o poder xogar os 90 minutos. Hoxe era o primeiro partido”.
A adestradora deportivista está contenta coas fichaxes: “A adaptación das novas fichaxes está sendo boas. Creo que teñen marxe de mellora. Con pequenas correccións e adestramento están asimilando moitas cousas moi rápido. É unha marabilla”
Sobre a adaptación que están a ter as novas fichaxes do Dépor ABANCA Irene Ferreras tamén amosaba a súa satisfacción: “A adaptación das novas fichaxes está sendo boas. Creo que teñen marxe de mellora. Con pequenas correccións e adestramento están asimilando moitas cousas moi rápido. É unha marabilla”.





















