A adestradora do Dépor ABANCA, Irene Ferreras, extraeu na sala de prensa de Abegondo unha “lectura positiva” da eliminación copeira do pasado mércores ante a Fundación Canaria CD Tenerife e é a de “poder centrarnos na liga e non xerar ningún gasto máis adicional nin a nivel enerxético nin a nivel económico cara ao Club. Nesta competición, nestas roldas non recibimos ningún tipo de axuda e iso supón un hándicap importante”.
Opina Irene Ferreras que en Tenerife ao Dépor ABANCA “nos custou entrar no partido. Tivemos o control, non recibimos ningunha situación clara. Si que nos faltou un pouquiño de fluidez, estivemos un pouquiño espesas con balón e sobre todo ser un pouquiño máis verticais, máis daniñas. Tivemos moito a posesión, pero custounos atopar situacións claras de gol. É o típico partido que se o abres, probablemente o resultado ía ser avultado, pero van pasando os minutos, vanche entrando os nervios… Tampouco a cabeza lévache a volverche moi tolo porque sabemos que tiñamos a cabeza tamén posta no domingo. Vas á prórroga, tócache xogar outros tantos minutos que non entraban nos teus plans e a lotaría dos penaltis”.
Pide Irene Ferreras “seguir mellorando nesas situacións de últimos metros porque é unha proposta ou unha situación de partido que se nos poida dar de aquí en diante” e subliña que “a actitude foi boa por parte de todas as xogadoras. Púidose identificar cousas moi positivas de moitas futbolistas”.
A Copa queda atrás e o Dépor ABANCA ten a mirada posta no Athletic Club B
Asegura Irene Ferreras que ante o encontro en Lezama deste domingo 23 de outubro (12:00) ante o Athletic Club B que “xogadoras e staff estamos moi concentrados. A primeira mensaxe que temos despois de non pasar de rolda en Copa é ‘xa pasou isto, o importante é o domingo, imos poñer toda a nosa enerxía, témonos que recuperar rápido, que isto tampouco nos deteriore moito nin a nivel de autoestima nin a nivel condicional’. A partir de aí, todos os focos postos e toda a nosa concentración en sacar tres puntos”.
Do filial branquivermello, a pesar de que aínda non estreou a súa marcadora de puntos, indica Irene Ferreras que “é un equipo que ten moi boas intencións, con moi boas futbolistas. Aí está o traballo do Athletic Club durante todos estes anos, con xogadoras que ademais están agora mesmo disputando tamén Mundial sub-17, xogadoras que chegan ao primeiro equipo…”
O feito de non gañar “é máis froito de erros puntuais que han ir tendo en diferentes partidos que non lles permitiu puntuar e que non lles permitiu sacar mellores resultados, pero a nivel de intencións e de proposta é un equipo moi serio”, opina a adestradora deportivista.
Irene Ferreras: “Non estamos a ter un bo rendemento fóra”
Admite tamén Irene Ferreras que “non estamos a ter un bo rendemento fóra. Agora a cuestión é: ¿porque xogamos fóra non imos competir ben? ou ¿até o momento non xogamos ben fóra?, que iso cambiaría por completo a historia. Hai que centrarse en que nós temos que xogar ben fóra tamén e non poñer o foco no factor campo, senón en nós. Temos marxe de mellora, moitísimo, para facelo mellor e vin este equipo facelo moito mellor non só aquí, senón adestrando. E ese é o noso principal obxectivo: estar ben con balón, ser un equipo moito máis fiable, ter mellores sensacións e a partir de aí xerar ocasións e poder traernos os tres puntos”.
Xogar en Lezama é “un aliciente”
Finalmente, xogar en Lezama para Irene Ferreras “é un aliciente bonito. É unha Cidade Deportiva onde se respira fútbol profesional. O campo, a pesar de ser de céspede artificial, está en perfectas condicións, boas dimensións, a camiseta que tes enfronte… É un escenario perfecto para facer bo fútbol, para que deixemos atrás esas sensacións de que o equipo fóra non é capaz de render ben”.
Lezama, terceira parada do Dépor ABANCA nesta ‘semana grande’