A adestradora do Dépor ABANCA, Irene Ferreras asegurou na rolda de prensa previa ao partido desta fin de semana que o club galego chega “ao final con moita ilusión, con moita enerxía”.
Segundo a técnica madrileña que dirixe as nosas deportivistas: “Cando estás a ver o final aí e que o premio pode ser tan grande xa tiras co que sexa. Hai que aproveitar o día a día porque non sempre se pode estar a vivir no deporte un par de semanas onde te xogas algo tan importante. E desde esa maneira estamos a vivilo”.
Advirte Irene Ferreras que con respecto ao CP Cacereño Femenino “imos expoñer a eliminatoria con cousas similares e cousas diferentes. Volve ser un partido a 180 minutos, onde temos que ser un equipo moi serio, sobre todo no partido de ida é moi importante. Xa temos esa experiencia aí de Cáceres”.
Iso si, pensa que mañá sábado ás 20:00 horas no Nuevo Los Cármenes (YouTube GranadaCFtv) “enfrontámonos a un equipo moi diferente, que ten moitas similitudes connosco en canto ao xogo”; e por iso vaticina “un partido moito máis aberto, aínda que nós imos tentar estar serias, traer un bo resultado que nos permita na volta poder ter as nosas opcións e facernos fortes aquí”.
Na opinión de Irene Ferreras hai lecturas positivas da semifinal ante o Cacereño: “É verdade que o Granada CF vén dun resultado moi contundente, un 5-0 no xeneral que che dá moi bo ánimo e moita moral. Pero para nós o vivir tamén eses momentos de abafo, eses momentos de tensións durante a eliminatoria refórzanos porque xa é unha experiencia que che queda aí, témola no cerebro. Saíu ben e cando vives unha experiencia e termina ben, cando te vexas en situacións similares onde seguro que o rival nos esixe e vainos a ter contra as cordas o equipo terá algo bonito ao que agarrarse sabendo que sabemos sufrir e que logo podemos ter as nosas opcións”.
Subliña que no dobre duelo ante o CP Cacereño Femenino “reforzouse o noso aspecto de madurez e de entender os momentos do partido” e lembra que ante o Granada CF “somos dous equipos moi propositivos dentro de que os dous nos sentimos cómodos coa pelota, ímola a buscar, conservala e utilizala para facer dano ao rival”.
Irene Ferreras: “Se temos momentos complicados imos aguantalos”
Irene Ferreras tamén alerta que grazas á eliminatoria pasada, “se temos momentos complicados, que os teremos, imos aguantar, imos soportar. Nunha eliminatoria a 180 minutos a moeda cambia de cara en moitos momentos. É soportar eses momentos delicados que seguro que temos, aproveitar os bos que teñamos tamén”
Segundo explicaba aos medios Irene Ferreras, a adestradora das galegas non ten “ningunha dúbida de que temos ferramentas para poder ter as nosas ocasións e facer dano ao rival. Creo que vai ser un partido atractivo porque quizais sexamos os dous equipos que practican o fútbol máis asociativo da categoría, quitando ao FC Barcelona B. Independentemente do que nos guste a nivel de estilo de xogo, vai xerar un atractivo, un aliciente especial ao espectador por todo o que nos xogamos e tamén pola calidade a nivel colectivo e a nivel individual que teñen os dous cadros”.
Ante este dobre duelo co Granada CF, lembra que na liga “alí conseguimos gañar. É verdade que tivemos momentos de moito sufrimento tamén. Ademais pasáronnos un cúmulo de circunstancias que nos axudaron a madurar como equipo e aguantar os momentos difíciles de partido. E logo aquí na volta foi un partido moi diferente. Ponse por diante moi pronto con ese 0-2 en dúas situacións un pouco illadas dalgún erro e unha acción a balón parado, e logo fomos claros dominadores do encontro”.
Prognostica Irene Ferreras que dentro “do acerto que teñamos cada un imos ter momentos de posesión, vai haber un intercambio de golpes. Hai que tentar estar acertados nas nosas opcións. Non é un equipo que nos xere relaxación nin moito menos. Somos moi conscientes do potencial que ten o Granada e lévao demostrando non só durante toda esta temporada, senón durante os últimos anos, sempre estando arriba por ese obxectivo de ascender. E dentro diso tampouco sentirnos menos que elas, nin moito menos, porque dentro desas similitudes temos ferramentas”.
Explicaba Irene Ferreras que as futbolistas do Dépor ABANCA prepararon “o partido para tentar aproveitar esas debilidades que elas poidan ter e a partir de aí a xogar un partido de fútbol, porque cada partido é diferente e calquera circunstancia no xogo pódeche marcar o devir do resultado”.
A adestradora salienta a “profundidade e calidade” do cadro deportivista
Logo de 46 semanas de traballo, a adestradora deportivista destaca “a profundidade e a calidade do cadro. Houbo xogadoras que se cadra non tiveron tantas oportunidades durante a temporada, pero que en momentos así as necesitas e grazas ao bo traballo que fixeron durante todos estes meses están a moi bo nivel”.
Como exemplo, apuntaba Irene Ferreras que o outro día “na prórroga tes que tirar de xogadoras que se cadra son menos habituais, compiten ben, entenden ben o partido, o que toca facer. Esa parte tamén pode ser que a teñamos gañada, porque temos moitas máis xogadoras para que nos dean solucións, ferramentas; e a loita e o traballo que tiveron no día a día foi dunha profesionalidade brutal”.