O CRAT Residencia Rialta presenta á súa primeira incorporación para a tempada 2023/24. Procedente do CR Olímpico de Pozuelo, Inês Spínola Duarte chega para cubrir as posicións de apertura e traseira. Na tempada 2022/23 foi titular en doce dos catorce encontros da Liga Iberdrola, chegando a realizar unha transformación para o equipo madrileño.
Desde que comezou a súa andaina no deporte do oval no seu país de orixe, Portugal, a nova xogadora do CRAT Residencia Rialta formou parte do Agrária de Coimbra durante a campaña 2021/22 e do Moita Rugby Clube dá Bairrada desde 2009 ata 2021.

Inês Spínola xoga coa Selección Portuguesa desde 2016
Durante os anos 2014 e 2015 Inês Spínola foi parte da selección portuguesa Sub-18, dando o salto á absoluta en 2016. Co combinado luso conseguiu un 1º posto no Rugby Europe Women´s Trophy XV, que dá acceso ao Rugby Europe Women´s Championship e un 3º posto no 7´s Trophy Series para acceder ao Women´s 7s Championship Series. Tamén participou no World Rugby Sevens Series 2021/22.
En canto os seus logros individuais, na traxectoria de Inês Spínola destaca o seu nomeamento como Mellor Atleta do Moita Rugby Clube dá Bairrada en 2016 e 2019, así como o recibimento na tempada 2021/22 do Recoñecemento Deportivo da Asociación de Estudantes da Escola Superior Agraria de Coimbra (AEESAC).