A alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, acompañada pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recibiu á directiva, corpo técnico e xogadoras do Viaxes Amarelle FSF, que acadou recentemente o ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino.
A rexedora felicitou ao conxunto coruñés polo seu logro, así como “por todo o esforzo e o traballo desta tempada, histórica”. Inés Rey subliñou, ademais, a capacidade do Viaxes Amarelle FSF “para erixirse como un un exemplo para o deporte feminino coruñés, no que cada vez participan máis rapazas”.
Ademais, Inés Rey puxo en valor o compromiso do club para acoller a tres xogadoras ucraínas que, no mes de marzo, coa invasión rusa, chegaron á cidade para incorporarse ao Viaxes Amarelle FSF, “o que amosa que, ademais de calidade, o equipo tamén ten valores”.