A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, recibiron esta tarde as xogadoras do Viaxes Amarelle FSF, logo de ascenderen á primeira división, nun acto que tamén presidiu Carlos Rodríguez, coordinador das categorías base e membro da xunta directiva.

A rexedora recordou a singularidade dun club que fixo historia no deporte feminino galego e coruñés ao rachar estereotipos desde finais dos anos 90 cando o fútbol era un terreo practicamente vetado para as mulleres.
Inés Rey apuntou que este logro do Viaxes Amarelle FSF coincide en medio dun proceso normalizador “tan necesario como alentador”, que non é casualidade. “É unha resposta da sociedade ao voso entusiasmo. O potencial que tedes rompe barreiras que hai tempo que tiñan que estar derrubadas”.
Inés Rey, alcaldesa da Coruña: “O Viaxes Amarelle fixo historia no deporte feminino ao rachar estereotipos cando o fútbol era un terreo practicamente vetado para as mulleres”
Lembroulles Inés Rey que hai homes que si respectan, valoran e confían nas mulleres no ámbito deportivo, como Severino Amarelle, fundador do equipo, e asegurou que “a primeira de fútbol sala feminino gaña estando vós aí no alto da competición, xa non só pola calidade do equipo, senón por todos eses valores que transmitides ao coidardes tanto a vosa canteira. Nacestes con esa vocación de formar e seguides tendo claro que o futuro pasa por continuar sendo unha gran familia”.