- Míriam Sempere asinou un partido sensacional (55%) e freou en seco os intentos de reacción locais para quedar o premio do MVP.
- Patrícia Lima liderou os ataques, estivo inmensa en defensa e foi a punta de lanza dunha espectacular actuación coral.
O Mecalia Atlético Guardés escribiu unha liña máis na súa historia. Desde o punto de vista propio como club, pero tamén a nivel do balonmán galego. Xogou un partido descomunal para bater ao Super Amara Bera Bera na súa casa diante 3.000 persoas e meterse na final da Copa da Raíña.
Unha actuación coral, sustentada na dirección de Patrícia Lima, na defensa e, sobre todo, nunha actuación doutro planeta de Míriam Sempere. A gardameta de Santa Pola entrou ao final do primeiro acto a parar un lanzamento de sete metros. Fíxoo. E o que veu despois, é historia.
#LaCopaDeTodxs | Semifinales@Miriaam11 elegida como #MVP , indudablemente, de la segunda semifinal de la #copareina. La guardameta ha deleitado con un recital de paradones en un Illunbe hasta la bandera.
👏 ¡FELICIDADES POR GRAN TU ACTUACIÓN! 👏#GUZTIONKOPA pic.twitter.com/mkNrhij219
— Copa de la Reina Balonmano 2022 (@CopadelaReina22) April 30, 2022
Unha segunda parte absolutamente demencial, na que encadeou unha parada tras outra para irse a un 55% de efectividade e manter ás súas compañeiras sempre ao redor dos tres ou catro goles de diferenza. E a pesar de que as donostiarras o tentaron todo, empuxadas pola súa xente, o cadro miñoto aguantou o tirón para meterse na final ao quinto intento contra o conxunto vasco, que lle gañaba catro semifinais ata a data.
A coitelo. Así saíu o equipo do Baixo Miño á pista, consciente de que os complexos non ían axudarlle en nada na empresa. Coa defensa potenciada ao máximo, o conxunto guardés, que estreaba a camiseta branca especial para a Copa da Raíña, aguantaba o ritmo das anfitrioas. E, por momentos, mesmo o superaba. Cunha permanente igualdade, o partido foi avanzando ao longo da primeira parte.

A pesar de errar un lanzamento desde os sete metros, Gabi Pessoa comezou inspirada, con tres goles practicamente consecutivos. Pero o bo arranque miñoto non era unha cousa individual, senón colectiva. Dirixidas pola batuta maxistral de Patrícia Lima, as xogadoras de branco ameazaban e perforaban a muralla local. E se non lograban goles, provocaban sete metros con penetracións punzantes. Arcos, por suposto, non faltou á súa cita e finalizou con tres tantos o primeiro acto. Os mesmos que Lima e un menos que Pessoa.
Na área contraria, o 6:0 funcionaba. O Mecalia Atlético Guardés suxeitaba o torrente ofensivo de Super Amara Bera Bera a base de traballo, agresividade e activación de pernas. Só o martelo que Mariane Fernandes ten no seu brazo dereito foi capaz de superar con claridade a liña guardesa. O intercambio de golpes era constante.
Así ata un tramo final no que o equipo de José Ignacio Prades adquiriu dous goles de renda. A máxima vantaxe do primeiro acto, o que exemplifica a extrema igualdade vivida. O conxunto donostiarra recortou e aí quedou. Porque Míriam Sempere saíu a deter un lanzamento de sete metros. E fíxoo. E o posterior rexeite tamén. E tamén o seguinte ataque local nuns tres minutos finais máxicos para a porteira de Santa Pola.
🐙 Pero cuántas manos y piernas tienes, @Miriaam11! 😱#QueSeDebe pic.twitter.com/CMGEZBjpVB
— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) April 30, 2022
O primeiro acto terminou cun golpe franco directo executado por Lima que non estivo lonxe de entrar. Alice Fernandez sacou unha perna salvadora para o seu equipo (11-12).
O caso é que a gardameta alacantina entrou en calor antes do descanso para desatar unha tormenta de lume tras el. Infernal. Sempere asinou un recital escandaloso, encadeando unha parada tras outra para desesperación das xogadoras locais e da gran maioría das 3.000 persoas presentes en Illumbe. Do seu descomunal rendemento naceu unha arrancada que levou ao Mecalia Atlético Guardés para poñerse catro arriba.
O Guardés aguanta o empuxe de Illumbe
Foi entón cando se notou a condición de local do Super Amara Bera Bera. Toda a praza de touros de Illumbe empezou a facer ruído. A empuxar. O cadro donostiarra amagou con remontar. Mesmo se puxo a dous goles. Pero era o día de Sempere, MVP do partido. E tamén o de Patrícia Lima. A central portuguesa, colosal, botouse o equipo á espala e deu todo un clínic de balonmán de élite. Non só de dirección, faceta na que afai ser brillante. O seu rendemento defensivo no centro do 6:0 foi extraordinario. E coroou a súa actuación con media ducia de goles.

Todo iso aconteceu dentro dunha actuación coral que levou a este equipo directo á historia do balonmán galego para xogar a gran final da Copa da Raíña. Será mañá, domingo 1 de maio, a partir das 13:00 horas e contra o conxunto do Costa del Sol Málaga. O partido poderase ver por TDP e o Guardés volverá preguntar: Que se debe?
#QueSeDebe@CopadelaReina22 pic.twitter.com/ckbJ3nrQgp
— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) April 21, 2022
FICHA TÉCNICA
20) SUPER AMARA BERA BERA (11+9): Alice Fernandes (p.), Maddi Aalla (p.); Arrojeria (4), Fernandes (3), Sara Gil, Alba Menéndez, Emma Boada (3), Laura Hernández (7), Malena Cavo (5), Maitane Etxeberria (4), Eli Cesáreo (2), O’Mullony (1), Loidi (2), Cristina Polonio (1), Ainhoa Etxeberria (1) e Mirene Moreno.
24) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (12+12): Marisol Carratú (p.), Míriam Sempere (p.) Marián Mera (p.); Nazaret Calzado (2), Carolina Silva (1), Lorena Pérez (3), Ángela Nieto (3), Estefanía Descalzo (1), Patrícia Lima (3), Paula Arcos (9), Carla Gómez, María Sancha (1), Gabriela Pessoa (7), Daniela Moreno (1), Aroa Fernández e Yaiza Alonso.
MARCADOR CADA 5 MINUTOS: 2-2, 4-5, 8-8, 9-8, 10-10, 11-12 – descanso – 113-12, 13-16, 13-17, 16-20, 19-22 e 20-24.
EQUIPO ARBITRAL: Raúl Oyarzun e Aritz Zaragueta. (Comité navarro). Excluíron dous minutos a Eli Cesáreo (2), Mariane Fernandez e Maitane Etxeberria, do Bera Bera, e a Carolina Silva, do Mecalia Atlético Guardés.
INCIDENCIAS: Partido de cuartos de final da Copa da Raíña, disputado no Donostia Arena de Illumbe en San Sebastián.