- O Mecalia Atlético Guardés perdía de sete ao descanso e gañou o partido nunha descomunal segunda metade que se pechou cun parcial de 20-9.
- Con esta vitoria, a escuadra miñota mantén a sexta praza e enfrontarase a Rocasa Gran Canaria nos ‘play-off’.
O Mecalia Atlético Guardés asinou unha extraordinaria remontada diante o Club Balonmano Femenino Costa del Sol Málaga no último partido da fase regular da liga Guerreras Iberdrola.
Foi unha gran vitoria que enche de moral ao equipo miñoto para os bonitos compromisos que ten no horizonte e que lle permite manter a sexta praza. Isto quere dicir que se enfrontará ao Rocasa Gran Canaria, terceiro clasificado, nos cuartos de final dos play-offs polo título desta Liga Guerreras Iberdrola da RFEBM.
Será unha eliminatoria que se xogará a ida e volta. En principio o primeiro encontro disputarase no pavillón da Sangriña e será entre semana. Isto vén dado pola coincidencia coa disputa da final da Copa Europea EHF. Cunha alta probabilidade, os días 3 e 10 de maio (ambos os dous caen en mércores).
Todo nun partido moi marcado pola dosaxe de minutos tras os encontros de seleccións e o infortunio en forma de lesións, que volveu cebarse coa escuadra guardesa. Daniela Moreno e Elena Amores foron baixa de última hora por senllos golpes, o que deixou á adestradora das galegas, a lusa Ana Seabra, sen extremos esquerdas. María Sancha viuse obrigada a desempeñarse nese rol.
O duelo comezou marcado polo acerto de Virginia Robles na portería visitante. Aos poucos, o Club Balonmano Femenino Costa del Sol Málaga foise indo no marcador.
O Guardés chegou ao descanso por debaixo no marcador
Aínda que o nivel defensivo do Mecalia Atlético Guardés era bo, as locais tiñan problemas para acertar coa portería contraria. Así, o colectivo visitante foise ao descanso cunha vantaxe notable ante as galegas. O tanteo foi nese momento do partido de 8-15.
Pero todo cambiou na segunda metade. O paso polo vestiario foi man de santo e no cambio de pista viuse un Mecalia Atlético Guardés moito máis recoñecible. Máis agresivo. Así, a partir da conexión coa liña, cimentouse a remontada.
África Sempere e Cristina Cifuentes estiveron moi acertadas (5 goles cada unha) e Míriam Sempere producía na portería. Deste xeito, a desvantaxe de sete goles foi minguando ata ser neutralizada a dez minutos para o final.
A inercia impulsou ao Mecalia Atlético Guardés diante unha bancada enfervorecida e a vitoria quedou na Sangriña cun estratosférico parcial de 20-9 nos segundos 30 minutos. Así se completou o dobrete de vitorias contra o conxunto costasoleño do Club Balonmano Femenino Costa del Sol Málaga.
FICHA TÉCNICA
27) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (7+20): Marisol Carratú (p.); África Sempere (5), Sandra Santiago (2), Nazaret Calzado, Carolina Silva, Pauli Fernández (4), Míriam Sempere (p.), Cris Cifuentes (5), Patrícia Lima (1), Estefanía Descalzo, Celia López (2), Carla Gómez (2) y María Sancha (4).
24) COSTA DEL SOL MÁLAGA (15+9): Merche Castellanos (p.), Virginia Robles (p.); Estela Doiro (1), Silvia Ardeirus (1), Sara Bravo (2), Elena Cuadrado (1), Rocío Campigli, María Pérez (2), Almudena Gutiérrez, Espe López (5), Sol Ariadna (3), Laura Sánchez (5), Isabelle Medeiros (2), Rocío Rojas (2).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-4, 4-7, 6-9, 7-10, 7-11 e 8-15 – descanso – 11-16, 15-17, 16-20, 17-22, 23-23 e 27-24.
EQUIPO ARBITRAL: Enrique Pérez e Luis Díaz-Flores. Excluíron por dous minutos ás xogadoras locais Cris Cifuentes e Estefanía Descalzo, así como as deportistas do equipo visitante Elena Cuadrado, Almudena Gutiérrez e Rocío Rojas.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á vixésimo segunda xornada da Liga Guerreras Iberdrola, disputado no Pavillón da Sangriña na Guarda.