- O Mecalia Atlético Guardés deu a cara e pelexou ata o final, pero a escuadra grancanaria acabou impoñéndose á galega.
- O conxunto que adestra Abel González non puido estrear a súa marcadora de vitorias a domicilio ante un cadro grancanario que o gañou todo no seu pavillón.
- O conxunto miñoto pechará o ano este xoves, nun partido transcendental na pista do Zuazo en Barakaldo.
O Mecalia Atlético Guardés sucumbiu na pista do Rocasa Gran Canaria, un dos grandes candidatos ao título na Liga Guerreras Iberdrola a final de tempada, que fixo valer o seu enorme potencial xogando como local. No Pavillón Insular Antonio Moreno de Telde non se escapou un só punto no que vai de curso, pero o conxunto que dirixe Robert Cuesta tivo que suar de xeito abondo para non facer excepcións cun colectivo guardés que non deixou de pelexar ata o último suspiro.
Porque o Mecalia Atlético Guardés deu a cara. Cheo de moral tras a súa exhibición europea, aceptou o intercambio de golpes e aguantou o tirón nun partido que transcorría a un vertixinoso ritmo goleador.
Enfronte, o conxunto local ameazou con marcharse cun 5-1 de saída, pero o colectivo de xogadoras que adestra Abel González mantivo o tipo e recortou paulatinamente ata poñerse a un gol das grancanarias. A partir de aí, o choque transformouse nun perpetuo festival de goles en ambas as porterías ata alcanzar o 18-17 que reflectía o marcador ao descanso.
Á volta do pasolo polos vestiarios, o Rocasa Gran Canaria replicou o intento de marcharse no marcador, con vantaxes de ata cinco tantos. Pero de novo, o Mecalia Atlético Guardés púxose ao choio e foi descontando aos poucos. Lideradas por unha Patrícia Lima excepcional (dez goles para a central de Matosinhos), as de vermello tiveron bólas para empatar en varios ataques pero non foron capaces de transformalas para aproveitar así o enorme rendemento defensivo que ofreceron na segunda metade grazas a un gran 5:1, con África Sempere no avanzado.
Mesmo cando un tanto local elevaba a desvantaxe a falta de menos de dous minutos, o Mecalia Atlético Guardés non se rendeu. Dúas boas defensas, dous goles seguidos e a opción dun roubo para empatar con tan só 20 segundos por diante. Non foi posible. Marta Mangué e Almudena Rodríguez tiraron de experiencia e culminaron a xogada que poñía o 31-29 definitivo.
Barakaldo, próximo destino do Guardés
Tras esta derrota, o Mecalia Atlético Guardés céntrase agora en preparar o fundamental duelo co que pechará o ano o vindeiro xoves. O equipo que prepara Mecalia Atlético Guardés xoga novamente a domicilio contra do Zuazo en Barakaldo, un choque transcendental para non descolgarse da zona nobre da clasificación. En terras vizcainas buscará o Mecalia Atlético Guardés a súa primeira vitoria como visitante. Un agasallo ideal para un Nadal tranquilo para un 2023 esperanzador.
FICHA TÉCNICA
31) ROCASA GRAN CANARIA (18+13): Andrea Suárez, Sabina Jacobsen (1), Melania Falcón (2), Manuela Pizzo, Almudena Rodríguez (3), Arinegua Pérez (2), Marta Mangué (4), Naja Nissen (2), Alba Spugnini (2), Sayna Mbengue (4), María Gomes (3), Ana Palomino (p.), Marta Siñol, María González (1), María Zaldua (6) e Lulú Guerra (p.) (1).
29) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (17+12): Marisol Carratú (p.); África Sempere (1), Sandra Santiago (4), Giselle Menéndez, Ángela Nieto, Pauli Fernández (2), Míriam Sempere (p.), Cris Cifuentes (1), Patrícia Lima (10), Celia García, Elena Amores (2), Carla Gómez (2), María Sancha (1), e Daniela Moreno (6).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 5-1, 8-5, 11-9, 13-11, 16-12, 18-17 – descanso – 20-18, 23-19, 25-23, 27-25, 28-27, 31-29.
EQUIPO ARBITRAL: José Alberto Macías e Ernesto Ruiz. Excluíron con dous minutos ás xogadoras locais Jacobsen, Pizzo e Mbengue e ás visitantes Carla Gómez (2), África Sempere, Daniela Moreno, Elena Amores e Patrícia Lima.
INCIDENCIAS: Partido da novena xornada da liga Guerreras Iberdrola, disputado no pavillón Insular Antonio Moreno de Telde (Gran Canaria).