Intensidade e acerto. O Mecalia Atlético Guardés celebrou o seu reencontro coa Sangriña ao grande, finalizando o seu segundo duelo de pretemporada cun 26-14 fronte ao Lobas Global Atac Oviedo. Ceci Cacheda abriu o marcador con dous goles desde os 7 metros. Grazas a un tanto de Cris Cifuentes conseguiu poñer un 3-0 no primeiros cinco minutos do envite.
O conxunto miñoto continuou o encontro facendo mostra dunha gran defensa e velocidade para culminar as súas xogadas. O seu dominio no primeiro tempo plasmouse cun 8-3 no electrónico.
A primeira parte estivo marcada polo recital de Pauli Fernández, deseñando contraataques ao seu antollo. O susto do partido protagonizouno Ceci Cacheda tras unha fea caída, que determinou a expulsión de Danae Miranda. Chegado o descanso, o marcador reflectía un contundente 15-6.
A segunda parte foi un calco da primeira. O Mecalia Atlético Guardés continuou demostrando a súa superioridade ante un Oviedo que pouco puido facer. No primeiros dez minutos do segundo tempo o partido estivo un pouco máis apagado, con escasos goles. Pauli seguiu brillando e Míriam Sempere destacou polo seu acerto baixo os paus. Pola súa banda, Elena Martínez foi clave para as visitantes, chegando a sumar cinco tantos en todo o encontro.
Concluído o segundo tempo, o Mecalia Atlético Guardés alcanzou unha cómoda vitoria 26-14, o que lle fixo levar o Trofeo Festas do Monte. Pauli Fernández recolleu o premio a máxima goleadora do partido. O Mecalia Atlético Guardés suma así a súa segunda vitoria da pretemporada.
FICHA TÉCNICA
26) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS: Miriam Sempere, Nerea Solares, María Sancha (4), Itziar Martínez (3), María Palomo (1), Cecilia Cacheda (3), Elena Amores (2), África Sempere (4), Paula Fernández (5), Cristina Cifuentes (1), Estela Carrera (1) e Ania Ramos (1).
14) LOBAS GLOBAL ATAC OVIEDO: Inés Suárez, Andrea Zulet (2), Carmen García-Calvo (2), Miriam Cortina (2), Celia Vermello (1), Brenda Torres (1), Danae Miranda, Jimena Merino, Elena Martínez (5), Camila Méndez, Débora Torreira, Teresa Rodríguez, Amaia Arróniz, Begoña Otero e Lorena García (1).
PARCIAIS: 3-0, 6-2, 8-3, 10-3, 12-5, 15-6 (descanso), 17-7, 19-7, 21-10, 23-10, 25-12 e 26-14.
EQUIPO ARBITRAL: Marta González Fernández e Silvia Vázquez Román.
INCIDENCIAS: Trofeo das Festas do Monte celebrado na Sangriña na pretempada 2023-24.