O 2022 semella que chegou cargado de boas novas para os conxuntos galegos da Liga Guerreras Iberdrola balonmán. O Mecalia Atlético Guardés segue a acontar os seus encontros por vitorias neste novo ano tras impoñerse ao Sant Quirze catalán na Sangriña. Pola súa parte, o Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño acadou os seus primeiros dous puntos coma visitante da tempada grazas ao seu triunfo no pavillón René Marigil de Sagunto fronte ao BM Morvedre.
O Guardés busca engancharse á parte alta
Nunha xornada atípica por mor do aplazamento de ata catro encontros, o Mecalia Atlético Guardés aproveitou para recortar distancias cos postos nobles da táboa clasificatoria.
Só a calor da Sangriña puido quentar o ambiente do xélido inverno do Baixo Miño nun encontro ao que o Handbol Sant Quirze chegaba a terras galegas coa bitola de vítima tras encadear catro derrotas consecutivas no campionato doméstico.
As catalanas, lonxe de propor un partido cómodo para as xogadoras adestradas por José Ignacio Prades, saltaron ao 40 x 20 co coitelo entre os dentes facendo do encontro toda unha batalla na que o conxunto miñoto se impuxo a base de traballo e galóns.
Despois dun bo parcial inicial que se resolveu cun 3-0 para as locais, o encontro comezou a definirse polas imprecisións de ambas escadras. O Guardés, liderado polo bo facer ofensivo de Gabriela Pessoa, foi sumando cada vez máis vantaxe no electrónico provocando que os dous puntos nunca estivensen en risco.
A lateral carioca con oito tantos, e a recentemente mundialista, Paula Arcos, con catro, foron o estandarte do conxunto miñoto fronte a un Sant Quirze, que malia a derrota, deixou unha máis que boa imaxe na súa visita a A Guarda.
🥳 E final! Os dous puntos quedan na casa. Seguimos medrando. Bo traballo, equipo!
🏆 @IberdrolaDHF
📆 Xornada 11
🤾♀️ @Atlguardes_ofic 🆚 @HSantQuirze
🔥 A Sangriña
⏱️ 60′
🔢 28-23
📷 @Coex_go
#onosoInfernoéonosoceo 🖤💛 pic.twitter.com/Pow63Bsrih— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) January 15, 2022
O BM Porriño foxe da zona vermella
O conxunto porriñés regresou o pasado venres á competición doméstica logo de case dous meses de parón para medirse en Sagunto ao BM Morvedre. As xogadoras dirixidas por Isma Martínez, chegaban a terras levantinas coa necesidade imperiosa de sumar de dous logo de caer ante o Aula Valladolid na anterior xornada de liga.
O encontro, de imperiosa necesidade para ambos equipos, medía dúas dinámicas semellantes. Por unha parte, as valencianas, situadas no undécimo posto, presentábanse no pavillón René Marigil tras sumar sete derrotas nas dez xornadas previas, e pola outra, as do Porriño, máis alividas na táboa, non coñecían a vitoria máis alá do Municipal.
Logo dun primeiros minutos de tanteo, o BM Porriño logou facerse dono e señor do xogo grazas á implacable eficacia do seu ataque. Con este panorama, ambos equipos foron a vestiarios cun 9-14 favorable para as visitantes. Á saída dos mesmos, o encontro mantivo a mesma tónica e nin o arreón final do Morvedre puido facer que os puntos quedasen a beiras do Mediterráneo.
Como non podía ser doutra maneira, a pivote canaria, Haridian Rodríguez, foi a xogadora máis destacada do encontro grazas a unha actuación antolóxica na que acadou a incríble cifra de 11 tantos para posibilitar os primeiros dous puntos a domicilio das porriñesas e poñer terra de por medio cos postos de descenso.
Final do partido, as nosas ganan outros dous importantísimos puntos no seu segundo partido da semana ‼️@BMMorvedre 18🆚Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño 23
📷 @digitalmediasports#LigaGuerrerasIberdrola pic.twitter.com/bgLy3amzsP
— Club Balonmano Porriño (@BmPorrino) January 14, 2022
A vindeira xornada da Liga Guerreras Iberdrola deparará dúas probas de lume tanto para o Mecalia Atlético Guardés, que viaxará ata terras malacitanas para facer fronte o sábado ao Costa del Sol Málaga, coma para o BM Porriño, que recibirá, tamén sábado, no Municipal ao Elxe antes da súa visita copeira ao Aula Valladolid.