- O Mecalia Atlético Guardés non quere sorpresas e busca facer valer a renda de 7 goles obtida en Austria ante o Hypo na Sangriña
Con confianza pero sen confiarse. É a mensaxe que José Ignacio Prades empezou a trasladar nada máis ouvir o bocinazo final no BSFZ Südstadt da localidade austriaca de Maria Enzersdorf, a 25 quilómetros de Viena.
Sucedeu o pasado sábado. O Mecalia Atlético Guardés acababa de tombar ao Hypo Niederösterreich por un notorio marcador de 21-28. Sete tantos de diferenza amparados nun gran partido e propulsados por un fantástico final das xogadoras do cadro miñoto. Este domingo chega o momento de rematar a faena, será o domingo 24/10/21 ás 19:00 horas coa TVG2 como testigo. Así, en casa e diante dos seus afeccionados, o Guardés busca a Q3 da liga Europea.
Non será tan fácil como podería parecer mirando a renda. Primeiro porque o conxunto miñoto disputou un esixente partido en Barakaldo o pasado mércores, con 740 quilómetros por estrada de ida e outros tantos de volta mediante e as limitacións de Prades na súa rotación.
As brasileiras Tamires Anselmo e Hannah Nunes seguen de baixa e Fanny Descalzo non puido viaxar por motivos laborais nin tampouco completar todos os adestramentos da semana co grupo pola mesma causa. É un problema cada vez máis difícil de emendar segundo vanse acumulando os minutos nas pernas das xogadoras dispoñibles.
Apostará o Guardés polo xogo de sete ante o Hypo?
Por outra banda, xa se diluíu o factor sorpresa da defensa 5:1 que desactivou ao poderoso pero tamén lento e previsible ataque austriaco. É de imaxinar que a escuadra centroeuropea virá á Sangriña con solucións traballadas durante a semana. Unha delas podería ser apostar case desde o inicio por atacar con sete xogadoras, receita que lle funcionou por momentos na ida, pero que tamén se viu penalizada por varios goles a portaría baleira, entre eles un da gardameta Míriam Sempere.
Por iso, o técnico do Guardés e da Selección Española, José Ignacio Prades, insistiulle moito ao grupo en empezar de cero este domingo neste novo partido da EHF European League Q2. E as súas pupilas, totalmente responsabilizadas, recollen a luva. Ademais non estarán soas. A Sangriña achégase cada vez ao seu pleno rendemento coas relaxacións das medidas sanitarias e todo o mundo sabe que xogar con ese pavillón a favor é xogar con oito.
Ao lonxe aparece o poderoso Besançon como último escollo para acceder á fase de grupos. Antes, hai que rematar faénaa fronte ao Hypo. Sen confiarse, pero con confianza. Con moita confianza.