A Coruña prepárase para recibir a regata Tall Ships Races Magallanes-Elcano, un evento de referencia mundial que volve sete anos despois á cidade e que, entre os días 24 e 27 de agosto, reunirá a máis dunha decena de grandes veleiros que forman parte na competición.
A Tall Ships (que comeza no Reino Unido e tras o seu paso pola Coruña, continuará percorrido ata Lisboa e Cádiz) garda tras de si un estreito vínculo coa cidade. Entre os anos 1958 e 2016, a proba pasou ata nove ocasiones pola Coruña, implicando por centos a mozos e mozas coruñesas, así como a milleiros de visitantes doutros países participantes, na organización e apoio da regata, tarefas nas que colaboran de forma conxunta o Concello, a Autoridade Portuaria e a Asociación Juan de Lángara.
Cabe destacar que, coa volta da regata, que recala no porto por décima vez, A Coruña é a cidade máis visitada pola Tall Ships na súa historia. A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o regreso da Tall Ships, lembrando que “xa estaba prevista a súa presenza no ano 2020, cando tivo que ser cancelada pola pandemia”. A este respecto, a rexedora subliñou “o compromiso do Concello para dar continuidade á programación desta cita deportiva na cidade, que mostra unha vez máis a nosa capacidade para acoller grandes eventos que nos sitúan no punto de mira internacional”.
⏳ Máis dunha decena de grandes veleiros recalarán a finais de agosto na #Coruña, que acolle a Tall Ships Races Magallanes-Elcano sete anos despois.
⛵️ A Coruña é a cidade mais visitada pola Tall Ships na súa historia: https://t.co/A2i79xqQoF pic.twitter.com/AhuZb7mX9R
— Concello da Coruña (@ConcelloCoruna) August 7, 2023
Para a cita, e baseándose no acordo alcanzado coa Autoridade Portuaria, o Concello da Coruña utilizará as superficies portuarias necesarias para o desenvolvemento das actividades previstas, e será o responsable da seguridade, a limpeza e a recollida de lixo.
As embarcacións participantes, abandeiradas de Europa e América
Xa está confirmada a chegada dun total de 12 grandes veleiros á cidade. As embarcacións en cuestión, cuxos anos de botadura están datados entre o 1913 e o 2000, son o ‘Juan de Lángara’ e ‘Atyla’ (abandeiradas por España), o ‘Veracruz’ (Portugal), o ‘Capitán Miranda’ (Uruguai), o ‘Challenge Wales’, o ‘Maybe’ e o ‘Jolie Brise’ (Reino Unido), o ‘Cuauhtémoc’ (México), o ‘Dar Mlodziezy’ e o ‘Fryderyk Chopin’ (Polonia), o ‘Georg Stage’ (Dinamarca) e o ‘Stella Polare’ (Italia).
Tamén está certificada a presenza do veleiro ‘Nautilus’, pertencente á Armada, que formará parte na saída da regata. E, por outra banda, o buque de referencia para as autoridades será a patrulleiro ‘Atalaia’, tamén adscrito á Armada.
Nesta edición da regata réndeselle homenaxe a unha das viaxes históricas da navegación marítima: a que levaron a cabo Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano, no século XVI, hai máis de 500 anos, e que permitiu completar a primeira circunnavegación do globo terráqueo.
Apertura do prazo de inscrición para as persoas voluntarias para a Tall Ships
Como en edicións previas, o Concello da Coruña abriu o evento á participación das persoas voluntarias que desexen formar parte do equipo de asistencia nas tarefas de recepción e apoio durante o evento, entre os días 24 e 27 de agosto.
Desta forma, habilitouse o formulario de inscrición correspondente para as voluntarias e voluntarios, que estará aberto ata as 23.59 horas deste xoves, 10 de agosto.
O único requisito marcado é ser maior de 18 anos.