O debut no curso 2025-26 do HC Coruña non foi o desexado. As herculinas recibían unha goleada de man do CP Fraga, un dos osos da categoría e conxunto no que milita a internacional coruñesa María Sanjurjo (que marcou un dos goles visitantes). Ante o seu público, no Palacio dos Deportes de Riazor, o conxunto galego recibía unha goleada incontestable: 0-7.
Desde o inicio, o conxunto visitante impuxo un ritmo moi alto cunha presión intensa en toda a pista. Froito desa estratexia, a arxentina Adriana Soto abriu o marcador no minuto 2, aproveitando un roubo en campo contrario. O HC Coruña tivo dificultades para sacar a bóla debido á presión constante do Fraga.
No minuto 4, a coruñesa María Sanjurjo rematou unha xogada rápida que sorprendeu a Uxue, ampliando a vantaxe visitante.
O dominio do CP Fraga continuou durante toda a primeira parte, mentres o conxunto local apenas lograba xerar perigo en tímidos contragolpes, ben resoltos pola gardameta Anna Ferrer.

Xa no último minuto do primeiro tempo, a ex xogadora do Manlleu, Marlena Rubio, asinou o 0-3 co que se chegou ao descanso.
Na segunda metade, o CP Esneca Fraga mantivo a súa presión alta, mentres o HC Coruña tentaba saír con rapidez ao contraataque a través de Icia Brea e Raquel Parga. As locais melloraron as súas sensacións, pero a porteira Uxue evitou que o CP Fraga ampliase aínda máis a diferenza con varias intervencións de mérito.
A mellor oportunidade do HC Coruña chegou no minuto 40, cun penalti lanzado por Icia Brea que se estrelou no traveseiro. Aínda así, o conxunto visitante non baixou o ritmo e en apenas un minuto Carla Fontdegloria marcou dous goles consecutivos, levando o marcador ata o 0–5.
Hat-trick de Marlena Rubio nas filas do CP Fraga
O dominio do CP Esneca Fraga continuou ata o final. Marlena Rubio volveu aparecer, primeiro anotando de falta directa e logo completando o seu hat-trick persoal para selar o 0–7 definitivo.
Con esta vitoria, o CP Fraga consolídase como un dos equipos máis fortes do campionato, mentres que o HC Coruña, aínda en fase de construción, deixou escintileos de bo xogo pese ao resultado adverso.
Ver esta publicación en Instagram
FICHA TÉCNICA:
0) HC CORUÑA: Uxue; Lucia Velo, Rebe, A. Bulló e Celia – quinteto inicial -. I. Brea, R. Parga, Jana e Daniela (meta suplente).
7) CP FRAGA: Anna Ferrer; Teresa Paya, Marlena Rubio, Adriana Soto e Maria Sanjurjo – quinteto inicial -. Aina Arxe, Vinyet Flix, Carla Fontdeglória, Celete Sanz e Leyre López (meta suplente).
EQUIPO ARBITRAL: Ivonne Copovi e Xavier Valiente. Amontesaron con cartón azul a Teresa Paya.
GOLES: 0-1 (Adriana Soto, min. 2). 0-2 (Maria Sanjurjo, min. 4). 0-3 (Marlena Rubio, min. 25). 0-4 (Carla Fontdeglória, min. 45). 0-5 (Carla Fontdeglória, min. 46). 0-6 (Marlena Rubio, min. 47). 0-7 (Marlena Rubio, min. 50).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á primeira xornada da OK Liga Iberdrola 2025-26. O encontro disputouse no Palacio dos Deportes de Riazor, na Coruña.





















