Vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia a resolución do 23 de outubro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos/as como deportistas de alto nivel de Galicia.
Os cinco primeiros deportistas recoñecidos ao abeiro do novo decreto polo que se regula o deporte de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base en Galicia son:
- Tamara Abalde (baloncesto)
- Julia Benedetti (patinaxe)
- Sara Iglesias (salvamento e socorrismo)
- Sara Viéitez (loita)
- Tirso Cerqueira (vela)
A lista complétase até os 500 con 495 deportistas de alto nivel de Galicia recoñecidos/as en anteriores convocatorias.
A SX para o deporte lembra que “o novo decreto DGAN entrou en vigor o pasado 19 de outubro (20 días despois da súa publicación no DOG ) e, dúas semanas despois, xa conta cos seus primeiros deportistas recoñecidos, o que fala da axilidade e da presteza deste novo marco para o deporte galego de alto nivel”.
Prórrogas por lesión, embarazo, nacemento filla/o de ou adopción
De feito, a nova norma “simplifica os procedementos xa que o recoñecemento pódese solicitarse en calquera momento do ano. Ademais, o recoñecemento poderá ser vitalicio en determinados supostos e, entre outras novidades, prevé supostos de prórroga da condición por inactividade por lesión, supostos de embarazo, nacemento de filla/o ou adopción”, explican desde a Xunta.
Co novo decreto, Galicia dá un importante impulso á protección do sistema deportivo do país, convertendo a súa nova norma nunha das mais actuais e completas do Estado. O apoio e á atención integral aos axentes deportivos (incorporando técnicos-adestradores e xuíces-árbitros) refórzase neste novo sistema que avanza en recursos, en medidas e en destinatarios, atento ás distintas demandas do sector, como é, por exemplo, a fase da retirada competitiva.
En total, os deportistas galegos de alto nivel en Galicia son, na actualidade, 500 (196 mulleres e 304 homes). Entre eles cómpre destacar a 17 deportistas con discapacidade (5 mulleres e 12 homes).
Axudas DGAN 2020
No tocante ao alto nivel que, rematado o prazo de solicitudes da convocatoria de Axudas DGAN 2020 (cuxas bases foron publicadas o pasado 5 de outubro), foron presentadas un total de 373 solicitudes, das que serán admitidas ou contan con documentación a subsanar un total de 344, segundo informa a Xunta de Galicia.