- Tres dos catro equipos que presentaba Galicia aos World Games 2026 de fútbol gaélico conseguiron cadansúa final.
- Pablo da Silva, seleccionador feminino facía unha lectura positiva do paso dos combinados galegos por esta cita: “seguimos mellorando, competindo, pelexando e estamos cada vez máis preto”.
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) regresa orgullosa do conseguido polos catro equipos que representaron a Galicia nos World Games 2026: dos catro conxuntos participantes, tres acadaron trofeo.
Triplete de campionatos galegos nos World Games 2026 de fútbol gaélico. A competición tivo lugar na localidade irlandesa de Waterford. Galicia foi con catro seleccións galegas (dúas femininas, e dúas masculinas) a esta cita, a máis importante desta disciplina no ámbito internacional, na que participaron equipos dos cinco continentes.
A Selección Galega A feminina conseguía o triunfo na copa Shield
O conxunto adestrado por Pablo da Silva finalizaba no terceiro lugar a fase de grupos na Primeira División, onde compiten os mellores equipos do mundo por ránking. Pese a ese resultado, Galicia non puido acceder a competir pola final A, a chamada Cup, e accedeu á loita pola copa Shield, da que si resultou vencedora.
Nas semifinais desta segunda fase competitiva a Selección Galega A feminina vencía ao equipo de Middle East. Xa na final as galegas enfrontáronse ao conxunto de Canada A. O triunfo de Galicia foi por 9-5 (1-06 / 0-05). O partido estivo loitado pero un gol na recta final do choque outorgou certa tranquilidade ás galegas que alzaron a copa Shield dentro da Primeira División feminina nos World Games 2026.
A Final A xogárona Francia A e USA San Francisco.

A Selección Galega A masculina tamén venceu a copa Shield
Galicia foi cuarta na fase de grupos, quedou por diante do combinado de Arxentina. Tal e como aconteceu co equipo feminino, Galicia A estaba encadrada na Primeira División cos mellores conxuntos do mundo. Ese cuarto lugar na fase de grupos colocou aos futbolistas galegos fóra da final A (Cup), pero deulles acceso a pelexar pola copa Shield onde si resultaron vencedores.
Na semifinal da copa Shield gañaron a Canada Quebec (7-3). Xa na final, Galicia impoñíase 17-9 (1-14 / 2-03) a Brittany A e levantaba o trofeo. Os bretóns fixéronlle o pasillo aos galegos ao finalizar o encontro demostrando, unha vez máis, que nesta disciplina deportiva a rivalidade está só no campo e fóra del os equipos gozan xuntos de compartir a súa paixón polo fútbol gaélico.
A final A disputárona USA San Francisco e Great Britain SM.
No caso da Selección Galega Feminina B as futbolistas de Galicia resultaron campioas na Segunda División, que era na categoría na que competían segundo o seu ránking. A superioridade da Selección Galega Feminina B foi notable nesta categoría.
O equipo de feminino Galicia B venceu na semifinal 16-1 ao conxunto de Canadá B, e unha vez chegadas á final A da Segunda División impuxéronse por un marcador de 12-4 (2-06 / 0-04) ao US San Francisco. As americanas marcaron dous tantos no final do partido e non tiñan perdido en todos os World Games 2026 ata que Galicia se cruzou no seu camiño no partido decisivo da segunda división.
A Selección Galega Masculina B caeu nos cuartos de final ante Occitania (Siroc) na Segunda División (categoría na que competían en función do seu ránking) logo de empatar a 13 e ir aos penaltis onde o seu rival foi superior.
Pablo da Silva: “Seguimos mellorando”
O seleccionador do equipo de Galicia feminino A, Pablo da Silva, manifestaba estar “moi contento por ter acadado obxectivos, como clasificar ao equipo B para a súa final e gañala”. Tal e como explicaba Pablo da Silva: “No caso do A tivo unha fase de grupos moi complicada contra dos mellores equipos da categoría tivemos que ir a Shield por pouco, xa que empatamos o último partido, pero estamos moi contentas, desfrutamos e gañamos a todos os rivais importantes que era un obxectivo. A seguir desfrutando e intentalo para a próxima”
Consultado sobre o desempeño das catro seleccións galegas nestes World Games 2026 o técnico galego explicaba que a súa lectura é moi boa dado que “seguimos mellorando, seguimos competindo contra os rivais. O fútbol gaélico continúa a evolucionar no ámbito mundial. O importante de todo isto é que cada vez que vimos seguimos competindo, pelexando e estamos cada vez máis preto”.

Rematada esta nova experiencia das seleccións galegas na máxima competición internacional desta disciplina, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) xa ten a mirada posta en novos retos, en seguir asentando a práctica desta disciplina en Galicia a través das Gaélico Escolas PuntoGal e, por suposto, pensando na seguinte cita dos World Games que será no 2029.
Os apoios que fixeron posible a presencia de Galicia nos World Games 2026
Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) enviou aos World Games 2026 unha delegación composta por 64 integrantes entre futbolistas e corpos técnicos. Viaxaron 14 futbolistas por equipo, 2 reservas, 4 técnicos e 2 persoas do staff.
Conseguir que a delegación galega fose así de ampla foi posible grazas ao apoio das persoas que se sumaron ao Crowdfunding World Games 2026 que puxo en marcha a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) para recadar cartos para custear estes desprazamentos. Neste Crowdfunding cómpre agradecer a colaboración da marca galega Acontravento que aportou diferentes recompensas relacionadas coa roupa oficial da selección galega de fútbol gaélico.
Diferentes administracións colaboraron co proxecto. Foi o caso de Turismo de Galicia, Deporte Galego, e a Real Federación Galega de Fútbol. Ademais as Seleccións Galegas fixeron promoción da provincia en Waterford da man da Deputación da Coruña.
En canto a empresas, a firma PuntoGal, unha vez máis, apoiou ás Seleccións Galegas.
Estas foron as convocatorias dos equipos masculinos e femininos.
- SELECCIÓN MASCULINA GALEGA
GALICIA A
Corpo técnico
- David de la Torre
Xogadores
- Mateo Fernández (Estrela Vermelha)
- Pablo Mascareñas (Estrela Vermelha)
- Gábor Pazos (Estrela Vermelha)
- Adrián Ambrosio (Keltoi GAC)
- Borja González (Keltoi GAC)
- Pablo Bermejo (Keltoi GAC)
- Víctor Mera (Estrela Vermelha)
- Iago Couso (Estrela Vermelha)
- Brais García (Keltoi GAC)
- Ismael Méndez (Turonia GFG)
- Adriano Quiroga (Estrela Vermelha)
- Samuel Lagoa (Estrela Vermelha)
- Santi Rodríguez (Auriense)
- Roi Mira (Estrela Vermelha)
GALICIA B
Corpo técnico
- David de la Torre
Xogadores
- Quim Fabrés (Keltoi GAC)
- Raúl Barreiro (Keltoi GAC)
- Diego Rama (Estrela Vermelha)
- Lois García (Keltoi GAC)
- Pablo Durán (Turonia GFG)
- Adrián Rey (Estrela Vermelha)
- David Dios (Keltoi GAC)
- Martín Giao (Estrela Vermelha)
- Bruno López (Fillos de Breogán)
- Noé Asensio (Turonia GFG)
- Julio Docampo (Keltoi GAC)
- Ismael Pereira (Keltoi GAC)
- Cristian Costas (Turonia GFG)
- Alexandre Louzao (Estrela Vermelha)
- SELECCIÓN FEMININA GALEGA
GALICIA A
Corpo técnico
- Pablo da Silva
- Juan Fernández
Xogadoras
- Silvia Álvarez (Turonia GFG)
- Loreto Alonso (Grovias)
- Ánxela Estévez (Estrela Vermelha)
- Vicky Estévez (Auriense)
- Iria Labandeira (Auriense)
- Eva Lago (Fillas de Breogán)
- Sara López (Fillas de Breogán)
- Laura Nercellas (Estrela Vermelha)
- Vanesa Puente (Fillas de Breogán)
- Alba Rodríguez (Auriense)
- Emma Rojas (Estrela Vermelha)
- Leti Zapata (Fillas de Breogán)
- Antonella Larrascq (Turonia GFG)
- Tamara Mulaosmanovic (Estrela Vermelha)
GALICIA B
Corpo técnico
- Pablo da Silva
- Juan Fernández
Xogadoras
- Caridad de Santiago (Grovias)
- Antía Iglesias (Lavandeiras de San Simón)
- Rocío Aldrey (Estrela Vermelha)
- Noa Alonso-Macías (Grovias)
- Cloe Amor (Auriense)
- María Arias (Auriense)
- María Estrada (Grovias)
- Lucía Fernández (Auriense)
- Alex Figueroa (Turonia GFG)
- Sara Lomba (Grovias)
- Nicolle Lugo (Auriense)
- Aldara Montero (Fillas de Breogán)
- Uxía Otero (Estrela Vermelha)
- Lourdes Rey (Estrela Vermelha)
Que é a AGFG?
A Asociación Galega de Fútbol Gaelico (AGFG) é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal garántelle de carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA).
Boa parte das actividades da AGFG intégranse dentro da RFGF (Real Federación Galega de Fútbol).
PuntoGal é un dos patrocinadores da AGFG que ademais emprega na súa web o dominio www.gaelicogalego.gal.





















