O I Torneo Internacional Deputación da Coruña celebrouse durante tres días en Santiago de Compostela coa participación das seleccións de Galicia e Asturias das categorías infantil, cadete e xuvenil (masculinas e femininas), así como os combinados de Oporto e varios clubs galegos. Galicia foi gañadora en varias categorías.
Segundo explica a Federación Galega de Balonmán, o “obxectivo prioritario deste torneo era seguir avanzando coa preparación das nosas seleccións para o CESA 2023, que se celebrará do 3 ao 8 de xaneiro en Benidorm. Os resultados foron moi positivos para as seleccións galegas, que venceron en cinco categorías e so quedaron na segunda posición en infantil feminino e amosaron o bo traballo que están realizando nesta preparación do Campionato de España. Tamén hai que destacar o magnífico ambiente que se viviu nas bancadas, apoiando aos nosos rapaces e rapazas”.
Asturias vence na categoría Infantil feminina
Foi unha categoría tremendamente igualada a infantil feminina. Foino tanto que, con igualdade de puntos, o equipo gañador decidiuse por só un gol.
Na primeira xornada da competición este I Torneo Internacional Deputación da Coruña a Selección de Galicia superou ao equipo de Oporto con claridade (30-16) e nese intre ninguén pensou que ese marcador sería decisivo.
Xa o sábado, Asturias gañaba ao combinado de Oporto por unha diferenza de quince tantos (35-20) e no partido decisivo desta categoría no torneo houbo igualdade no marcador (14-14).
Foi así que Asturias remataba por se proclamar o equipo vencedor deste torneo internacional pola diferencia de un só gol
Galicia, gaña na categoría infantil masculina
Na categoría infantil masculina, venceu o combinado galego tras gañar os dous partidos disputados. O venres superou con comodidade á selección de Oporto (32-24) e hoxe domingo impúxose á Asturias por 26-21. No partido do sábado, Asturias foi mellor que Oporto, nun axustado encontro (29-27).
As cadetes galegas gañan o I Torneo Internacional Deputación da Coruña
Nesta categoría, tamén se impuxo a Selección Galega que venceu os dous partidos disputados. En primeiro lugar superou a Oporto (23-21) e hoxe deu conta de Asturias (27-16), nun partido que estivo moi igualado na primeira parte e que se decidiu na segunda. Hai que destacar que a selección portuguesa logrou gañar a Asturias con claridade (19-29).
Asturias cae ante Galicia no partido decisivo da cadete masculina
Foi outra das categorías máis igualadas. No primeiro partido Galicia empatou coa selección de Oporto (35-35), e no segundo encontro foi Asturias quen empatou con Oporto (29-29). Así, todo tiña que decidirse no terceiro choque entre Galicia e Asturias e aquí os galaicos, que seguen medrando no seu xogo, foron superiores (33-27).
Galicia, campioa xuvenil feminina
Hai que salientar o triunfo da Selección Galega na categoría xuvenil feminina, nun partido dominado de principio a fin ante Asturias (32-22). Con anterioridade, o venres, Galicia gañou ao Reconquista, nun encontro amigable (41-28).
A Selección de Galicia gaña a competición xuvenil masculina
O título neste I Torneo Internacional Deputación da Coruña foi para a Selección Galega que venceu a Asturias (24-23). Foi un choque moi axustado e disputado, que finalmente caeu a favor dos galegos.
O venres, Galicia tamén disputou un partido amigable contra o Rasoeiro (32-22), cun novo triunfo que serve para seguir medrando na preparación do CESA.