O Campionato Galego de Waterpolo Cadete Mixto de Inverno regresa a Pontevedra dous anos despois, co Club Waterpolo Pontevedra como anfitrión. As e os deportistas citaranse este sábado, 5 de marzo, na piscina do CGTD.
Por primeira vez desde o inicio da pandemia de COVID-19, e coa piscina pontevedresa reformada, a instalación acollerá o torneo cadete na reapertura do centro.
Así será o torneo de waterpolo cadete no CGTD
En total participarán oito equipos de seis clubs galegos, nun formato de copa desde cuartos de final e cunha rolda de clasificación para decidir os postos do 1 ao 8, xogando todos os conxuntos tres partidos.
Segundo informa o WP Pontevedra, o sorteo deixou os seguintes duelos de cuartos:
- CW Santiago vs CW Coruña Rías Altas – 09:45 horas
- Marina Ferrol feminino vs RCN Vigo – 10:30 horas
- Marina Ferrol masculino vs Asociación Coruñesa de Waterpolo – 11:15 horas
- CW Pontevedra A vs CW Pontevedra B – 12:00 horas.
Destes enfrontamentos sairán os emparellamentos das semifinais, que se xogarán de forma continúa ata a final, prevista para as 20:00 horas. Todos os partidos, segundo informan desde Pontevedra, poderán seguirse na web do club anfitrión: waterpolopontevedra.com.
No acto de presentación celebrado no CGTD, estiveron presentes o director do centro, Jesús López, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte, o presidente da FEGAN, Carlos Touriño, e o presidente do WP Pontevedra, José Ángel Tellería.