Bo fútbol, actitude, e goles de calidade. Esas foron as cartas de presentación do Dépor ABANCA no seu debut ligueiro nesta tempada 2022-23. As futbolistas que adestra Irene Ferreras venceron por un rotundo 4-0 ao Rayo Vallecano na Cidade Deportiva de Abegondo ante 500 afeccionados que acudiron a ver ao equipo nunha solleira mañá de domingo.
O Dépor ABANCA debutaba na temporada oficial e na Cidade Deportiva de Abegondo coas expectativas sen resolver de como se atopaba o equipo após unha boa pretemporada, o rival, o terreo de xogo… moitas novidades e incertezas que quedaron pronto despexadas polo xogo despregado polo equipo que adestra Irene Ferreras desde o arranque.
O primeiro tempo foi un monólogo absoluto das branquiazuis, con posesión constante e chegadas continuas por ambas as bandas, especialmente pola dereita, xerando moitas situacións de perigo. Após varias aproximacións, a primeira clara tívoa Eva Dios nun man a man e gran intervención de Ana de Murga para evitar a estrea goleadora da temporada.
A seguinte chegou nun centro de Marta Charle con remate desviado de Carlota Suárez. O mesmo remate, pero polo outro lado da portería, protagonizouno Inés Altamira á saída dun córner. Tamén desviado por pouco foise o de Carlota após unha carreira imposible até liña de fondo de Ainhoa que salvou para servir. O remate saíu a córner contra o lateral da rede.
Marta Charle pola esquerda tamén tivo a súa a servizo de Carlota Suárez desde a dereita. Foron as máis claras, pero houbo moitas outras chegadas e saques de esquina que non se materializaron e que parecían abocar ás táboas ao descanso.
Cris Martínez abre a lata anotando desde a frontar da área
Ata que chegou a capitá Cris Martínez para desatascar a falta de puntaría entre os paus, e abrir camiño. A futbolista anotaba cun forte e axustado disparo desde a frontal da área. Unha forma inmellorable de empezar a temporada para a única xogadora que está no equipo desde a creación do Dépor ABANCA.
🚨🚨Descanso en Abegondo
O Deportivo Abanca vence por 1-0 ao @RayoFemenino
Cris Martínez marcou un gran gol desde fóra da área no minuto 45
É a estrea do equipo coruñés esta temporada pic.twitter.com/8wjXkYexkE— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) September 11, 2022
É o terceiro gol de Cris Martínez no seu partido 143 (marca absoluta por diante dos 117 de Gaby e 107 de Iris) no inicio da súa 7ª temporada no equipo. O 16 de outubro de 2016, Sárdoma 1-5 Dépor ABANCA, anotara o seu anterior gol.
Se ben acabou o primeiro tempo (1-0), mellor non puido empezar o segundo con outro disparo desde a frontal de Marta Charle. Dous golazos para estrear ambas as porterías. De novo tívoa clarísima de Marta Charle no 58 despois da pelexa de Ainhoa Marín dentro da área. O seu disparo raso foi rexeitado co pé por Ana de Murga. Nunha xogada moi similar a que non perdoou foi Eva Dios ao optar por buscar a parte alta da portería en lugar do disparo raso, pondo o terceiro gol no marcador de Abegondo (3-0).
A partir de aí empezaron os movementos de banco e o partido cambiou levemente a súa fisonomía, aínda que o dominio continuou sendo deportivista.
Millene de cabeza a centro de Laura, que non parou de xerar perigo e mobilidade na zona de ataque, puxo o cuarto e definitivo (4-0), que puido ser un máis após un disparo a escasos centímetros do pau da propia Laura.
Con bo xogo, boas sensacións, bo resultado e fronte a un rival do que se esperaba máis pola súa condición de recentemente descendido, o Dépor ABANCA pechou a función do estrea en liga esta temporada. Agora espera a Copa o mércores, de novo en Abegondo, a partir das 16:30 h. contra o CD Parquesol.
FICHA TÉCNICA
4) DÉPOR ABANCA: Lucía, Cris Martínez (Patri López, min. 77), Inés Altamira, Raquel García, Samara (Monteagudo, min. 77), Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Eva Dios (Noela, min. 66), Charle (Millene, min. 66) e Carlota Suárez (Laura Fernández, min. 62).
0) RAYO VALLECANO: Ana de Murga, Irene Rodríguez, Laura Teruel, Ari Rovirola (Anita, min. 57), Simona, Iris, Moni, Miriam Valladolid, Claudia Cabezas (Rosi, min. 81), Irene Osorio (Alba, min. 81) e Sheri (Bruna Tavares, min. 61).
GOLES: 1-0 Cris Martínez (min. 44); 2-0 Charle (min. 50); 3-0 Eva Dios (min. 60); Millene (min. 84)
EQUIPO ARBITRAL: Aguilera Manzano (c. Galego). Amoestou a Moni (min. 59), Eva Dios (min. 62), Samara (min. 74) e Bruna (min. 76).
INCIDENCIAS: partido da 1ª xornada de Primeira Federación FutFem disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 500 espectadores.
⚽️ Grande estrea en Abegondo do equipo que dirixe Irene Ferreras @1REN3_F ‼️
⚔️ O @RCDeportivo Abanca goleou con xustiza e claridade ao @RayoFemenino por 4-0
👉 Non perdades o golazo de Charle @martacharle 🔝🔝 pic.twitter.com/KK52mBQJ0t
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) September 12, 2022