O PM Friol estreouse este xoves na competición da Copa da Raíña cunha primeira participación para o recordo. As galegas venceron ao CA Osasuna por un 4-2, logrando o pase de fase nesta eliminatoria a partido único.
O equipo lucense foi ademais capaz de gañar ao conxunto asturiano, que non coñecía a derrota desde decembro do 2020 e recentemente empatou ante o Dépor ABANCA na Reto Iberdrola, unha categoría superior á do Friol.
Vitoria en casa
O combinado do PM Friol, que na tempada anterior consumou o seu descenso e está a competir na Primera Nacional, tivo esta semana a oportunidade de estrearse na competición copeira e de facelo en casa ante a súa afección.
Os folgos do público e a ilusión por un novo reto deron alas ás xogadoras, que desde o principio marcaron o ritmo de xogo. Cómodas no seu propio céspede, as amarelas anotaron un gol grazas a Yuki no minuto 8, deixando claro o seu nivel e compromiso. O Friol aproveitou un erro na saída de balón das navarras para robar o esférico e superar á gardameta rival nunha contra.
No bando contrario, o equipo visitante intentaba crear ocasións de gol sen éxito nin efectividade, sempre freadas por unha defensa galega atenta. Pasado o ecuador da primeira metade, as galegas ampliaron a súa renta, cun gol de Alicia no minuto 27, no comezo dunha tarde produtiva para a futbolista.
Porén, antes do descanso chegou un gol do Osasuna, anotado no minuto 36 por Vilariño, recortando distancias. Non perdoaría de novo Alicia, quen tan só un minuto despois volvería a deixara claro o dominio lucense no campo, cun novo gol ante Silvia.
Tras o paso por vestiarios, o equipo galego mantivo o alto ritmo de xogo. O Osasuna non se quedaba atrás, xerando boas ocasións que non se chegaban a materializar. Unha brillante Alicia, que durante a tarde liderou os ataques locais, volvía a acertar fronte a portería visitante. No minuto 65 de xogo, a futbolista sentenciaría o encontro anotando o cuarto para o Friol.
Sen baixar os brazos, o Osasuna seguiu buscando a remontada, cun segundo gol de Vilariño no minuto 67. As visitantes continuaron loitando a través de varios tiros que non acabaron entre os tres paus. O pitido final chegaría co 4-2 e o pase do Friol a oitavos de final.
Co seu hat trick, Alicia é polo de agora a futbolista máis goleadora da competición na xornada, empatada con Andrea, do Zaragoza CFF, e cun gol máis que a deportivista Paula.
Covi Regueiro: “Para nós é unha ilusión tremenda poder disputar por primeira vez a Copa”
FICHA TÉCNICA
PM FRIOL: Hueto, Yuki, Bonilla, Naiara, Ali, Peque, Raquel, Nazaret, Anabel, Nere e Andrea.
CA OSASUNA: Silvia, Fresneda, Mai Garde (Josune, m. 45), Herrero (Leyre, m. 45), M. Blanco (Aitana, m. 65), Anita, Mar Torras (María Gonzalez, m. 45), Vilariño, Celia, Urbani e Iara (Patri Zugasti, m. 62).
MARCADOR: 1-0 (m. 8): Yuki. 2-0 (m.27): Alicia. 2-1 (m.35): Vilariño. 3-1 (m. 36): Alicia. 4-1 (m. 65): Alicia. 4-2 (m. 67): Vilariño
INCIDENCIAS: Primeira eliminatoria da Copa da Raíña na que o Friol debutou na competición copeira xogando no pavillón municipal da Reigosa ante 300 espectadores.