A Real Federación Galega de Fútbol continúa coa súa aposta de integrar nunha mesma casa a todas aquelas disciplinas e modalidades deportivas que dun ou doutro xeito teñen o fútbol como matriz. Fútbol, fútbol sala, fútbol gaélico, fútbol praia e agora footgolf. A Real Federación Galega de Fútbol segue abrindo fronteiras e estendendo lazos. A entidade que preside Rafael Louzán acaba de chegar a un acordo coa Asociación Galega de Footgolf, mediante o cal esta fusión de fútbol e golf pasa a integrarse na estrutura da Federación como nova disciplina deportiva.
A RFGF, e como parte do programa de desenvolvemento do seu Plan Estratéxico, ten como obxectivo tras a firma deste convenio a implementación da práctica deportiva do Footgolf federado con carácter recreativo coa denominación GolfPé.
Este convenio é a consecuencia de varias reunións nas que estiveron presentes o presidente da RFGF, Rafael Louzán, e o presidente da AGFG, Noé Cortiñas. E será asinado nun acto que se levará a cabo este sábado durante a celebración do primeiro torneo de footgolf que se disputa no campo de golf Ría de Vigo (Domaio).
Que é o Footgolf
O footgolf é un deporte que consiste na fusión do fútbol e do golf onde os xogadores golpean un balón de fútbol para introducilo nos buratos no menor número de golpes posible. Foi creado en Holanda no 2009 e xa se xogaron tres mundiais: Hungría 2012, Arxentina 2016 e Marrocos 2018.
As regras básicas son as seguintes:
1.- Emprégase un balón de fútbol en lugar das típicas pelotas de golf, e en vez de usarse paus de golf úsanse os pés. Os xogadores deben introducir a pelota nos buratos, que teñen un tamaño adecuado para que entre o balón de fútbol.
2.- O xogo consiste en percorrer un circuito de 9 ou 18 buratos (par 3, par 4 e par 5), onde se pode xogar individualmente, por parellas ou por equipos. Non hai límite de idade e pode ser practicado tanto por mulleres como por homes. O xogador que complete o circuito co menor número de golpes ou toques co pé posible será o gañador.
Os participantes enfróntanse aos obstáculos propios dun campo de golf, polo que deben combinar técnica, precisión e forza.
Aínda que en Galicia e España non é unha disciplina arraigada, sí está extendida xa en moitos países. En Gales, nun só club de golf pasaron de ter 100 xogadores a contar con 8.000 en menos dun ano. Esa popularidade estendeuse ao redor do mundo. En menos de oito anos chegou a máis de 30 países, celebrou o seu segundo campionato mundial e vai realizar a súa primeira Copa Jensen, unha copia da tradicional Copa Ryder do golf que, desde 1927, realízase cada dous anos entre Estados Unidos e Reino Unido. En América Latina tamén tivo boa acollida: Bolivia, Chile, Paraguai, Uruguai, O Salvador, México e Arxentina son países cun representante na Federación Internacional de Footgolf. De feito, en Arxentina realizouse o Campionato Mundial de 2016.
Portugal tamén é outro país donde o footgolf ten xa moitos adeptos e incluso practicantes galegos anótanse en torneos do país veciño. Aquí está arrancando e desde agora conta tamén coa RFGF para gañar impulso.
Torneo no campo Ría de Vigo
Este sábado o campo de golf Ría de Vigo, un dos máis importantes de Galicia, acolle o seu primeiro torneo p&p de footgolf, organizado pola Asociación Galega de Footgolf. Un torneo no que está inscrito o ex xogador do Celta Jorge Otero, e no que se asinará o convenio entre a RFGF e a AGFG.
A inscrición segue aberta e pode formalizarse a través da páxina web da asociación www.fggalicia.com, tamén enviando un correo electrónico a info@fggalicia.com ou llamando aos números 669 888 597 (Noé) ou 609 824 943 (Víctor). En estas mismas canles podedes atopar a información relativa a esta disciplina deportiva que en Galicia pasará a denominarse GolfPé logo da sinatura deste acordo.