O Polideportivo Municipal dos Rosales será este sábado 10 de outubro o escenario do V Trofeo Internacional Ferenc Szabó de halterofilia, unha competición organizada polo Club Halterofilia Coruña que reunirá na cidade a deportistas de España e de distintos países europeos nunha xornada dedicada tanto ao deporte de base como á competición internacional de máximo nivel, segundo informa o Concello da Coruña.
O concelleiro de Deportes da cidade herculina, Manuel Vázquez, destacou a importancia dunha cita que consolida a Coruña como sede de eventos deportivos de alcance internacional. «O Concello da Coruña continúa apoiando competicións que contribúen a promover o deporte entre a mocidade e que, ao mesmo tempo, proxectan a imaxe da cidade a nivel estatal e internacional. Este trofeo é xa unha referencia para a halterofilia galega e un escaparate do excelente momento que vive esta disciplina», sinalou o edil.

A figura de Ferenc Szabó
O Trofeo Internacional Ferenc Szabó leva o nome dunha das persoas máis relevantes na historia recente da halterofilia da cidade. Chegado á Coruña en 1991, o técnico húngaro dedicou máis de tres décadas á formación de deportistas e ao desenvolvemento desta disciplina, converténdose nun referente para o Club Halterofilia Coruña, a halterofilia galega e o conxunto do panorama estatal.
A traxectoria de Ferenc Szabó está vinculada á formación de varias xeracións de atletas que acadaron títulos e medallas en campionatos de España, Europa e do mundo. Na actualidade preside a Escola Nacional de Adestradores de Halterofilia e, este mesmo ano, foi recoñecido pola Real Federación Española de Halterofilia coa Insignia Olímpica por toda unha vida dedicada á formación deportiva.
O Concello da Coruña mantén a súa colaboración coa organización desta cita, dentro da aposta que fai pola promoción do deporte base e o apoio ás entidades deportivas da cidade.
A competición forma parte do programa de actividades promovido polo Club Halterofilia Coruña para fomentar o deporte de base e o desenvolvemento de novos talentos nesta modalidade e conta co apoio do Concello da Coruña.
A programación dividirase en dúas sesións. Pola mañá celebrarase o Criterium de Promesas Ferenc Szabó, no que participarán arredor de 60 deportistas das categorías sub-15 e sub-17, tanto masculinas como femininas, procedentes de distintos clubs galegos.
A primeira tanda comezará ás 9.30 horas coa participación dos deportistas masculinos, mentres que ás 11.30 horas competirán as categorías femininas. A entrega de trofeos da Copa Promesas terá lugar ás 13.00 horas.
Competición internacional con representación de varios países europeos
Pola tarde será a quenda do Trofeo Internacional Ferenc Szabó, no que participarán once equipos procedentes de Galicia, doutras comunidades autónomas e de países como Alemaña, Hungría, Italia, Malta e o Reino Unido.
Entre os conxuntos participantes neste V Trofeo Internacional Ferenc Szabó figuran os clubs Urbis (Biscaia), CDUS (Salamanca), CH Cambre, St Birinus (Gran Bretaña), unha selección de Budapest, unha selección de Malta, un equipo de Parma (Italia), a selección galega e os combinados A e B do Club Halterofilia Coruña.
A primeira tanda da competición internacional disputarase ás 16.00 horas e a segunda ás 18.00 horas. A entrega de premios está prevista para as 19.30 horas.

A cita contará ademais coa presenza de deportistas destacados do panorama internacional, entre eles as levantadoras do Club Halterofilia Coruña Paula Canedo, subcampioa de Europa sub-15; Digna Silo, subcampioa de Europa sub-15; e Ruth Fuentefría, subcampioa do mundo sub-17. Tamén competirán a atleta do CH Cambre Eduarda Souza, medallista en campionatos panamericanos, e a italiana Lavina Magistris, medallista europea sub-17.
















