David Mella e Marisa García, xogadores do RC Depotivo e do Dépor Abanca, protagonizaron un encontro con afeccionados do club no Eroski Xuxán (A Coruña).
Un cento de persoas de todas as idades participaron no encontro, organizado por Feiraco, histórico patrocinador do conxunto herculino, co que buscou crear un vínculo aínda maior entre xogadores e afección.
Ademais de levar os produtos da marca láctea asinados por Mella e Marisa García, os primeiros vinte participantes recibiron un paraugas de agasallo.

Esta acción enmárcase na aposta de Feiraco por promover o deporte como motor de cohesión social e promoción de hábitos saudables.
Este compromiso reflíctese tamén nas Dépor Escolas Feiraco, un proxecto formativo no que os nenos e nenas poden adestrar contidos complementarios que os que poden desenvolver nos seus clubs ou no seu tempo libre, afondando no coñecemento e na formación deste deporte baixo a supervisión de adestradores cualificados e con experiencia do RC Depotivo.
Nesta liña, a compañía mantén dende hai máis dunha década unha estreita relación co club, apoiando este deporte e contribuíndo a reforzar a paixón por el dende a base ata o ámbito profesional.
Feiraco reafirma así o seu compromiso co territorio, as persoas e o deporte, consolidando o seu papel como marca implicada no desenvolvemento social e deportivo de Galicia.





















