A Federación Galega de Taekwondo volveu do Open de Holanda con catro medallas femininas. Alma Pérez, Ainoha García, Cloe Iglesias e Helena García subiron ao podio nas súas categorías.
En sénior, o metal foi para a galega Alma Pérez, que competiu en -53kg. A deportista do Suh Sport acadou un bronce tras vencer en dous combates. En primeira rolda eliminou á danesa Jade Theresa Castillo de forma rotunda (26-9) e nos cuartos superou a alemá Julia Ronken, unha vella coñecida, á que non lle deu opción algunha (23-4).
Na semifinal tivo como rival á rusa Tatiana Minina, número 1 do mundo e subcampioa olímpica en Tokio, dous veces subcampioa do mundo, varias veces campioa de Europa… Alma Pérez aguantou ben o primeiro asalto (2-2), pero no segundo recibiu unha patada na cabeza e caeu (6-2) e no terceiro a rusa pechou a vitoria de forma clara.
As júnior
Xa en júnior, Ainoha García obtivo un ouro e Cloe Iglesias unha prata, nunha proba que serviu de preparación para o Campionato de Europa de taekwondo.
Ainoha García (-68, Couto), entrou directamente nas semifinais onde tivo como rival á alemá Julika Zimmerling. Foi un combate moi axustado, pero no que finalmente se impuso a galega por 6-9. Na final, esperaba unha compañeira da selección española, a andaluza Irene Montero, pero a nosa taekwondista non lle deu opción algunha para acadar a vitoria por 8-19 e así o título no Open de Holanda.
Cloe Iglesias (-63, Patiño) tamén fixo un gran papel neste Open de taekwondo e quedou moi preto do ouro. Na primeira rolda enfrontouse a alemá Edda Kettel, e a deportista do Patiño foi moi superior (11-1). Na semifinal, a rival foi a sueca Tindra Andersson e foi un combate bastante axustado, pero no que Cloe soubo gardar a vantaxe e lograr a vitoria por 7-4. A final foi ante a potente Vivana Marton (Hungría), que foi campioa de Europa, e Cloe non puido superala.
Ademais, tal e como recorda a Federación Galega de Taekwondo, hai que destacar o bronce de Helena García (+68, Dobok) que viaxou co seu club e acadou a medalla de bronce. Nos cuartos de final superou á representante de Gran Bretaña Nikki Etminani nun axustado combate (9-8) e na semifinal caeu ante Esmeralda Husovic (Alemaña) por 2-8, que foi quen finalmente acadou a medalla de ouro.
Así mesmo, en categorías masculinas tamén subiron ao podio Iván García, cun bronce sénior e Sergio Troitiño e Javier Otero con dous ouros júnior.