Eva Dios está a perfilarse como unha xogadora revelación nesta campaña, pero non só para o primeiro equipo do Dépor ABANCA. A galega vén de ser convocada pola Selección Española Sub-19.
O seleccionador Pedro López confía de novo na xove futbolista, como xa fixera no pasado mes de febreiro, cando tamén chamou á galega para a concentración. Desta vez, Eva Dios e as súas compañeiras adestrarán na localidade alicantina de Alfaz del Pi, entre o luns 7 e o xoves 10 de xuño.
O equipo das vermellas non competirá no Campionato de Europa sub19, ao quedar exento de disputar a rolda de clasificación. Porén, si xogará un play-off neste mes de xuño para disputar o pase á fase final de xullo en Bielorrusia.
Eva Dios xa conta con experiencia coa camiseta vermella
Na súa, polo de agora curta, traxectoria, a galega xa sabe o que é competir coa Selección. Eva Dios formou parte do equipo que obtivo o bronce no Campionato de Europa de fútbol sala para persoas sordas de Finlandia, no ano 2018.
Neste torneo foi ademais elixida como parte do quinteto ideal da competición e a mellor xogadora xove.
Tampouco será a primeira deportivista en pasar polas filas da sub19. Xa o fixeron antes dela Nuria Rábano, Tere Abelleira, Malena Mieres, Athenea del Castillo, María Méndez e Carlota Sánchez.
A convocatoria sub19
As futbolistas que acompañarán a Eva Dios nesta concentración da Selección Española sub19 son:
| CLUB | XOGADORA |
| Atlético de Madrid | Carmen Álvarez Sánchez |
| FC Barcelona | Jana Fernández Velasco Emma Ramírez Gorgoso Clara Rodríguez García Bruna Villamala Costa Julia Bartel Holgado Ornella María Vignola Meritxell Font Oliveras |
| Real Betis Balompié | María Valle López Andrea Medina Martín |
| Córdoba CF | Lucía Moral Ruiz |
| UD Geneto del Teide | Ainhora Delgado Martín |
| Levante UD | Fiamma Benítez Iannuzzi Silvia Lloris Nicolás María López Valenzuela |
| Madrid CFF | María García San Julián |
| Sevilla CF | María Inmaculada Gabarro Romero |
| UDG Tenerife | Paola Hernández Díaz |
| Real Sociedad | Elene Lete Parra |
| Real Sporting de Gijón | Erika González Lombidez |
| Penn State | Eva Alonso González |
| Valencia Féminas CF | Ascensión Martínez Salinas |
| Villareal CF | Irene Miguélez Martínez |
A Selección conta coas galegas de categorías inferiores, pero non na absoluta
Eva Dios non é a única deportivista chamada a filas pola Selección nestas datas. Paula Novo, internacional Sub-17, atópase nesta semana concentrada co combinado estatal na localidade alicantina. O fútbol galego triunfa a nivel español nas categorías inferiores, pero non é así na absoluta.
Este martes, o seleccionador Jorge Vilda fixo pública a lista de xogadoras que disputarán os amigables contra Bélxica e Dinamarca, e entre as elixidas non figura ningunha galega ou futbolista do Dépor ABANCA.
Ningunha galega nin deportivista na convocatoria dos amigables da Selección





















