Esperanza Segade (1952) foi unha verdadeira pioneira no mundo da loita. Nos anos oitenta conseguiu converterse na primeira galega árbitro na historia da Loita Olímpica, nun contexto no que a mentalidade da época non estaba preparada para aceptar que unha muller ocupase ese rol nun deporte historicamente masculinizado.
A pesar das dificultades, resistiu, loitou e construíu unha carreira extensa e de éxitos, coa que acabou por converterse nunha lenda dos deportes de contacto. Un fito do que ela mesma comeza a ser consciente agora coa perspectiva que lle da o tempo.
A súa vida persoal tampouco foi sinxela: compaxinou o labor de árbitra coa crianza de dous fillos e cun traballo semanal, nunha época na que exercer como árbitro no garantía un apoio económico
A.N.: Como xurdiu o seu interese polos deportes de contacto?
Esperanza Segade: Pois mira, foi unha cousa totalmente casual. Fun a un ximnasio e, como a min me gusta moito falar, comecei a conversar cos mozos que facían loita, e un día dixéronme: “Esperanza, mira, imos loitar aquí no pavillón das Travesas, por que non nos vas ver?” Díxenlles que, se tiña un oco, iría e, efectivamente, fun ata alí e estiven vendo o combate.
Cando me preguntaron a seguinte vez que fun, comenteilles que me parecería estupendo, que, a verdade, gustárame, e xusto estaba por alí outro árbitro, Antonio González, que xa está xubilado, e díxome: “Se queres facerte árbitro, imos facer un curso”. Eu pensei que non estaría mal para facer un pequeno oco naquel eido e así foi como comecei. Gustoume, gustoume a forma, a maneira de aprender, de saber as técnicas, ver como o deporte vai cambiando e tes que actualizarte moito. E, aí me metín eu.
A.N: Algún día chegou a competir como loitadora?
Esperanza Segade: Non, nunca fun loitadora.

A.N.: Foi a primeira galega que exerceu como árbitra de Loita Olímpica nos anos 80. Como viviu iso?
Esperanza Segade: Si, a nivel estatal e galego. Internacional non recordo se fun a segunda ou a terceira.
Comecei con Loita Sambo, que é outra modalidade de Loita Libre, e xusto ao pouco tempo tivemos aquí (en Pontevedra) un Campionato do Mundo, e viñeron de todas partes, entre eles os rusos, que quedaron ‘flipando’ cando me viron, porque non concibían que houbese unha muller árbitro.
Tiven a sorte de ter apoios importantes e iso axudoume moito. Aínda así non era sinxelo, había situacións incómodas, comentarios…
Por iso, ao principio xustificábanse en non convocarme a un campionato, porque tiñan que reservar unha habitación de hotel só para min. Pero co paso do tempo aprendín a relativizar e a centrarme naquilo que realmente merece a pena.
A.N.: Entendo que había moitas desigualdades no trato.
Esperanza Segade: Si había diferenzas, porque para ser árbitra internacional outros compañeiros viaxaban fóra de España, mentres que eu tiven que facelo aquí.
Nalgunhas ocasións, durante o campionato, ao rematar a xornada organizábanse encontros e ceas ás que eu non estaba convidada.
Tamén é xusto dicir que houbo persoas que apostaron por min e polas demais mulleres que viñeron despois, e iso foi fundamental. Nese punto quero mencionar a Ángel Amor, naquel momento árbitro da Federación Galega, que foi coma un irmán para min, apoiándome en todo.
A complicación da conciliación no caso de Esperanza Segade
A.N.: Era sinxelo compaxinar a arbitraxe coa vida persoal?
Esperanza Segade: Non era doado. Para dedicarte a isto tiña que gustarche moito. Eu tiña dous fillos pequenos e traballaba de luns a venres e, ás veces, tamén os sábados. Cando algunha fin de semana arbitraba, dependendo do punto de España ao que tivese que desprazarme, viaxabamos en autobús, e todo supoñía un gran esforzo físico e persoal. Pero era importante, porque se gañaba en experiencia e en satisfacción persoal, xa que os luns había que incorporarse de novo ao traballo.
Ás veces tiñamos sorte e no autobús non iamos moitos. Tivemos un presidente, Rubén Campos, unha gran persoa, que ás veces conseguía que tiveramos dous asentos para cada un e así podiamos viaxar máis cómodos.
A.N.: Como era a relación con cada unha das partes implicadas: compañeiros, deportistas e afeccionados?
Esperanza Segade: A relación cos deportistas era moi boa en xeral. Arbitrei en categoría sénior, pero o que a min máis me encantaba eran os nenos pequenos, aos que hoxe vexo xa feitos homes, coas súas familias e demais, e que, cando me ven, veñen darme un abrazo, porque sempre houbo un vínculo moi especial.
Co público as cousas tamén foron ben; non podo dicir o contrario, nunca tiven problemas.
En canto aos compañeiros, como en todos os ámbitos, xurdían algunhas tensións ou diferenzas de criterio, algo bastante habitual nun contexto competitivo.

A.N.: Todo ese esforzo e sacrificio, cre que realmente pagou a pena?
Esperanza Segade: Ás veces, cando ía cara ao centro do tapiz, pensaba: “Pero quen me mandaría a min meterme nisto”. Pasei nervios e situacións complicadas… pero sempre tiven este espírito moi loitador.
A.N.: Non existían referentes femininos nese momento.
Esperanza Segade: Non, ningún. Hoxe hai un camiño feito e as cousas funcionan de maneira diferente. A xuventude pode propoñer as cousas desde outro punto de vista, pero naquel momento, por exemplo, non había mulleres loitadoras como hai agora; eu arbitraba só homes.
Despois foron aparecendo máis loitadoras, chegando a terse equipos de diferentes categorías, pero naquela época era moi difícil. Mesmo no referente ao material, non todo o mundo podía ter unhas botas; economicamente todo tiña un custo. Os comezos son duros para todos.
A.N.: Sinte que se recoñece o seu legado?
Esperanza Segade: O recoñecemento chegou tarde, pero chegou a través da Federación Española o 26 de marzo de 2022, cando xa non estaba en activo, pois retireime no ano 2008.
Cando me fixeron esta homenaxe na Federación Española, as rapazas foron encantadoras, fixéronme o ‘pasillo’ e todo foi moi emotivo.
Pasei momentos moi malos, pero tamén teño que recoñecer que vivín outros moi bos.
A.N.: Gustaríalle que chegase esa homenaxe por parte da Federación Galega?
Esperanza Segade: Non especialmente. Creo que as homenaxes hai que facelas de corazón; co paso do tempo, un aprende que o máis importante é o cariño das persoas que compartiron o camiño.

A.N.: Os seus problemas viñan sobre todo por parte das federacións.
Esperanza Segade: Si, realmente foi así. Chegado o momento, pareime no tapiz, mirei cara arriba e dixen: “Ata aquí”. Non estaba cómoda, sentía que non encaixaba; foi unha decisión tomada con calma e pensando no meu benestar.
A.N.: Sentía que demostrar máis ca os seus compañeiros homes para que a tomaran en serio?
Esperanza Segade: Non, a nivel arbitraxe non sentín iso. Como che dicía, sempre me sentín moi arroupada por xente que se preocupaba moito. Sempre estaba Ángel Amor, que loitou moitísimo comigo.
A.N.: Viviu unha carreira moi longa; non sei se lembra a que idade decidiu retirarse.
Esperanza Segade: Tería sobre 56 años aproximadamente. Estiven moitos anos, porque, aínda que era duro, tamén era moi gratificante. Ademais, gustábame; facíao con todo o cariño porque me encantaba.
É unha cousa que é importante saber, porque cando as cousas foron cambiando e se me empezou a recoñecer, eu xa tiña os meus anos e o momento xa pasara.
A.N.: Sinte que estaba condicionada polo que decidiran outros?
Esperanza Segade: Por suposto. Poderían dicir que non estaba preparada, e habería árbitros estatais e internacionais excepcionais que che poderían dicir se o estaba ou non; iso sería unha palabra contra a outra. Pero, se tes interese e queres formar a unha persoa, o que tes que facer é traballar con ela ou dicirlle: “Se fas isto, pode pasar isto outro”, pero iso nunca pasou, nunca se dixo.
Cando somos federacións pequenas, hai un orde de prioridades e, como dicían, é máis sinxelo levar a 3 ou 4 árbitros homes e poñelos nunha habitación que levarme a min e ter que poñerme aparte. Aquela época era moi complicada e seguro que hai moitas cousas das que me esquecín, porque ao final queres quedar coa parte positiva e non coa negativa, pero no seu momento tiven moitas pelexas a nivel verbal.
Ás mozas de hoxe pareceríalle unha película.

A.N.: Parece que sempre son as mulleres con moito carácter as que abren portas.
Esperanza Segade: E que é así.
A.N.: Que mensaxe lle trasladaría ás nenas ou mulleres mozas que queiran seguir os teus pasos?
Esperanza Segade: Que vaian para adiante, que teñen que seguir loitando, porque esa é a base dunha persoa. Xa que se abriu ese camiño e hoxe teñen máis oportunidades de chegar moito máis lonxe, por que non? Que sigan e que loiten para poder saír adiante. Contan con moitos máis medios e tecnoloxía, e iso facilítache a aprendizaxe.
Eu aconséllolles seguir adiante, que non teñan medo e que loiten polo que lles gusta. É certo que hoxe en día aínda hai pouca presenza feminina en cargos técnicos ou de responsabilidade; iso é algo que hai que mellorar. Anímoas a seguir formándose, a confiar no seu criterio e a non pensar que ese non é o seu lugar, porque si que o é. O camiño está aberto, aínda que non rematado, e merece a pena.
Esperanza Segade, ás mozas que aspiren a arbitrar loita dilles: “Que vaian para adiante, que teñen que seguir loitando, porque esa é a base dunha persoa. Xa que se abriu ese camiño e hoxe teñen máis oportunidades de chegar moito máis lonxe, por que non? Que sigan e que loiten para poder saír adiante. Contan con moitos máis medios e tecnoloxía, e iso facilítache a aprendizaxe.
Que non teñan medo e que loiten polo que lles gusta. É certo que hoxe en día aínda hai pouca presenza feminina en cargos técnicos ou de responsabilidade; iso é algo que hai que mellorar.
Anímoas a seguir formándose, a confiar no seu criterio e a non pensar que ese non é o seu lugar, porque si que o é. O camiño está aberto, aínda que non rematado, e merece a pena.





















