As escolares de Abegondo sobresaíron no Campionato Galego de Ximnasia Escolar. A cita deportiva celebrouse, coa participación de clubs de diferentes puntos da comunidade, vía telemática debido á pandemia.
Esta fin de semana celebrábanse os seguinte campionatos galegos de Ximnasia Rítmica 2020: Escolar, Promoción e Prebase. Tamén tiña lugar o XIV Memorial Antonio Prada – Campionato Galego Ximnasia Promoción Ourense 2020 para Ximnasia rítmica en modalidade individual e conxuntos.
A Escola Municipal de Ximnasia Rítmica de Abegondo alzouse co Campionato Galego Escolar en categoría sénior, que corresponde a mozas de 15 e 16 anos. O exercicio que tiveron que realizar foi nesta ocasión con mazas e pelota. Na área coruñesa tamén destacou o Acordes, cun total de cinco podios acadados.
É o mellor resultado que obtén o grupo abegondés no certame, no que xa lograra algún primeiro posto, pero no ámbito provincial. A obtención do título de campioas galegas permitirá ás abegondesas subir de nivel de cara o próximo ano. Por detrás quedaron os conxuntos do Maniotas de Vigo eo Agarimo de Bueu.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, felicitou á monitora, Cristina, dedicada desde hai anos á formación na escola, e ás escolares polo logro. Apunta que son máis de 100 as pequenas de Abegondo que se dedican a esta modalidade e destacou o “esforzo e tesón” que prestan a este deporte. “É un orgullo para Abegondo acadar un primeiro posto en Galicia nun deporte tan dedicado como leste”, afirma.
En categoría cadete o podio estivo encabezado polo Maniotas, seguido do conxunto de Oroso e o de Villarousa.
Nas infantís impúxose o Villarousa, sendo segundas e terceiras os equipos A e B respectivamente do Acordes.
Para a idade alevín o Villarousa repetiu no máis alto do podio. Por detrás das de Villagarcía quedaron as rapazas do Esquío de Ferrol e o Club Deportivo Ximnasia Rítmica Compostela, de Santiago.
Na categoría de benxamín venceu o Maniotas de Vigo, foi segundo o Acordes de Narón e o conxunto ximnástico do Viravolta de Santiago foi terceiro.
As máis pequeniñas son as ximnastas de iniciación. Nesta categoría o triunfo foi para o Pabellón de Ourense seguido da Escola Barbadás.
Consulta aquí os resultados dos campionatos galegos de ximnasia rítmica