Mala reanudación da LF Endesa para os equipos galegos. Tanto o Durán Maquinaria Ensino como o BAXI Ferrol sufriron sendas derrotas, as primeiras delas ante o Perfumerías Avenida e as segundas contra o Lointek Gernika Bizkaia.
Despois desta xornada, as ferrolás son décimoquintas, con 10 puntos e as lucenses undécimas, con once.
Un mal segundo cuarto castiga ao BAXI Ferrol
As xogadoras do BAXI Ferrol desprazáronse ata Bizkaia para disputar o encontro ligueiro contra o Lointek Gernika, onde comezaron cun bo primeiro cuarto, para tropezar no segundo e non recuperar o ritmo de partido.
No primeiro tempo, as universitarias foron quen de dominar o partido, nun man a man ante as vascas que inclinaba a balanza para o lado galego. O segundo cuarto chegaba cunha vantaxe ferrolá de tres puntos, pero as locais reaccionaron, inmobilizando ao BAXI.
Neste parcial, as visitantes só foron capaces de sumar cinco puntos, fronte aos 22 do Lointek Gernika, que invertía o resultado. Para a segunda metade, cun colchón de puntos ao seu favor, as vascas seguiron en liña ascendente, supernando ás de Lino López nas tarefas ofensivas.
Nos dez últimos minutos, o BAXI Ferrol loitou por recuperar o tempo perdido, pero o conxunto local non daba opcións de remontada, e rematou por levarse a vitoria cun 72-50 no electrónico.
Ver esta publicación en Instagram
O Ensino cae rendido ante o líder
O equipo adestrado por Miguel Ángel Ortega viaxaba a Salamanca con poucas posibilidades de vitoria. As galegas visitaban ao líder, aínda invicto na categoría, e o facían cun plantel con varias baixas, como as de Abalde, Oma, Eraunzetamurgil ou Prieto.
Desde os primeiros minutos, as locais foron as claras dominadoras do encontro, impoñendo o seu dominio do balón ante un Ensino sen recursos. Ortega vía desde o banco como o seu exequipo frustraba os ataques lucenses, sen atopar a tecla para controlar ao todopoderoso Avenida.
Para o descanso, o marcador informaba dun 51-23 que daba mostra da diferenza de nivel entre ambos equipos. Despois da pausa, o guion non mudou e o Ensino sufriu o peor tempo do partido.
O terceiro cuarto serviu para rematar aínda máis a vitoria salmantina, cun equipo local que apostaba por unha férrea defensa, que fixo que as galegas só puideran sumar dous puntos nestes dez minutos. Chegado o cuarto final, pouco quedaba por facer, e as de Ortega sucumbiron ante as azulonas.
Cunha derrota de cincuenta puntos, o Ensino sufriu o que foi o mellor partido do Avenida na presente tempada. Porén, a nota máis amarga do encontro foi o golpe sufrido por Marina Lizarazu, quen perdeu o coñecemento e tivo que ser trasladada ao hospital. Finalmente, todo quedou nun susto. O seu adestrador explicou como por precaución a xogadora foi atendida polos servizos médicos e sinalou como “as xogadoras están facendo un esforzo moi grande e xuntouse todo”.
Ortega: “Só esperamos recuperar á xente”
Despois do encontro, o adestrador do Ensino, Miguel Ángel Ortega, declarou que “non podemos ofrecer moita cousa agora mesmo, só moita vontade e gañas de intentar ofrecer a mellor imaxe posible. Só esperamos recuperar á xente e poder adestrar ben e xogar ben e que pouco a pouco o equipo poida dar outra imaxe”.
Sobre o rival, o seu exequipo, o preparador confesou estar “moi agradecido polas mostras de cariño e quero dicir que é mutuo. Este sentimento o gardo conmigo e son un azulón máis e a xente xa o sabe”. O adestrador do Ensino mesmo animouse a apostar polo Avenida como futuro campión de Copa e Liga “están en moi boa liña. Empezaron sen todo o plantel, pero a medida que a xente foi chegando o equipo foi collendo esa velocidade de cruceiro”.