Día frío, húmido e de moito traballo técnico no circuíto da Fracha. O parque forestal pontevedrés acolleu o pasado sábado a Xornada de Tecnificación de Enduro organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG). Unha convivencia que estivo dirixida por Eva Castro e Luis Manovel.
A nova seleccionadora autonómica das especialidades gravity estreouse, Eva Castro, no cargo xunto ao seu axudante e a un grupo de trece riders. As corredoras e os corredores das categorías cadete, júnior, Sub23 e élite recibiron as primeiras indicacións no briefing de benvida e a continuación subíronse as súas bicicletas para adestrar polos treitos da Fracha, unha sesión que se prolongou ata a hora de comer.
Despois do alto para xantar no paddock, a actividade regresou ao circuíto inaugurado no ano 2021 coa realización dun treito cronometrado. Empregando medios audiovisuais, Eva Castro e Luis Manovel aproveitaron as imaxes captadas ao longo da xornada para aconsellar sobre aspectos técnicos ás riders e aos riders.
A esta posta a punto do enduro galego achegáronse tamén Juan Carlos Muñiz e David Carrillo, presidente e secretario da Federación Ciclismo Galego (FCG).
Esta xornada de tecnificación de enduro serviu de test previo ao inicio da Copa de España de Enduro este domingo en Peñarroya de Tastavins (Teruel). Á seguinte proba do certame estatal, o 26 de marzo en La Adrada (Ávila), acudirá a Selección de Galicia como ensaio para o Campionato de España do 22 de abril en Puntallana (Tenerife).
Pola súa banda, as Xornadas de Tecnificación e Formación continuarán nas vindeiras semanas con ciclistas doutras especialidades de BTT e do pelotón de Estrada.