Este sábado día 25 ás 18.30 horas xogarase o encontro da xornada 22ª na Primera División do futsalfem estatal, un dos grandes derbis galegos que enfrontará ao Pescados Rubén Burela FS – ENCE Marín Futsal no pavillón Vista Alegre.
No Burela, despois do parón pola Eurocopa, volven as catro xogadoras que viaxaron a Hungría durante estas dúas semanas e incorpóranse ao equipo para continuar coa rutina da Liga coas súas compañeiras. O ENCE Marín Futsal tamén recupera ás súas internacionais. Con España estiveron a porteira Silvia Aguete e a xogadora de pista Ale de Paz.
As Guerreiras Laranxas, despois dun último encontro no que non puntuaron en Melilla, volven á competición con máis ganas que nunca para loitar por un derbi moi especial no que se reencontrarán con antigas compañeiras de equipo.
Este derbi do futsalfem galego é un partido moi esperado tanto polos dous equipos como polas dúas afeccións do club pontevedrés e mariñán, que promete emoción de principio a fin.