O primeiro paso no 2023 do Dépor ABANCA foi firme. As galegas impuxéronse en Abegondo, o seu fortín, por 2-1 ao CD Albacete Fundación. Primeiro partido do ano e primeira vitoria. As herculinas avanzan con paso seguro cara ao obxectivo final de tempada: o ascenso.
O Dépor ABANCA, que adestra Irene Ferreras, arrancou o ano 2023 con vitoria, ao derrotar en Abegondo ao CD Alba Fundación, nun partido que encamiñou cun gol mediado cada período. O lunar chegou no cuarto de hora final do partido no que o equipo visitante anotaba o seu gol. Con todo, o CD Alba Fundación non puxo en perigo o resultado para as branquiazuis.
O cruce empezou con dominio claro das deportivistas na primeira metade do partido. O CD Albacete Fundación replegouse e colocou unha liña de cinco en defensa con dúas futbolistas exercendo o papel de mediocentro por diante.
Aos 18 minutos de xogo Carlota Suárez abría a lata para as galegas. O seu remate de cabeza, a centro de Ainhoa Marín desde a dereita non tivo contestación baixo paus e supuxo o 1-0 para o Dépor ABANCA.
Contra do minuto 36, Inés Altamira remataba de vaselina á saída dun saque de curruncho. Nesta ocasión, a porteira manchega, ben colocada, chapou o esférico preto do traveseiro.
Seguiu chegando e xerando ocasións o Dépor ABANCA pero non acadou o premio do gol, así que o partido chegou ao descanso con ventaxa local pola mínima (1-0).
Logo do paso por vestiarios o partido estivo un chisco máis nivelado. Houbo tamén menos ocasións por ambos bandos. Todo parecía calmo ata que chegou un disparo de Henar desde 30 metros e rompeu a baralla. Corría o minuto 66 e o Dépor ABANCA aumentaba a súa vantaxe 2-0.
Empezaron a caer as ocasións deportivistas unha tras outra, aínda que non culminaron en máis goles na súa conta anotadora.
No minuto 78 o CD Albacete Fundación recurtaba distancias cun gol de Cintia desde a dereita que superou por riba a Lucía. Con ese 2-1 o conxunto visitante saíu a por todas e empuxou buscando o gol do empate, algo que non conseguiron.
O Dépor ABANCA continuou contando coas ocasións máis claras nas botas das súas futbolistas. O marcador non se moveu do 2-1 outorgando así o triunfo ás galegas que en Abegondo están intratables e invictas.
Esta é a sétima vitoria en oito partidos en Abegondo para as pupilas de Irene Ferreras. As coruñesas suman 28 puntos após 14 xornadas e ocupan o liderado provisional da Primera Federación FutFem, á espera dos partidos de CDF Osasuna Femenino, hoxe sábado, e SD Eibar e Cacereño Femenino, mañá domingo.
FICHA TÉCNICA
2) RC DEPORTIVO ABANCA: Lucía, Cris (Lorena Reina, min. 90+4), Inés Altamira, Raquel García, Patri López, Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 74), Eva Dios (Carlota Sánchez, min. 67), Charle e Carlota Suárez (Millene, min. 74).
1) CD ALBACETE FUNDACIÓN FEMENINO: Laura Sánchez (Hoyas, min. 72), Cintia, Celia Fernández (Andrea Blanco, min. 79), Herrero, Sara Debén, Padilla, Celia Gómez (Sara Medina, min. 53), Marta Pérez, Nata, Riumalló (Elena, min. 79) e Laura Ortega (Carla Bautista, min. 79).
GOLES: 1-0 Carlota Suárez (min. 18); 2-0 Charle (min. 66); 2-1 Cintia (min. 78).
EQUIPO ARBITRAL: Verónica González Sánchez (colexio Castilla-León). Amosou cartón amarelo a Patri López (min. 24) polo Dépor ABANCA e a Celia Fernández (min. 59) no CD Alba Fundación.
INCIDENCIAS: partido correspondente á 14ª xornada da Primera Federación FutFem da RFEF disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.