O CP Cacereño Femenino foi un dos osos que lle custou roer ao Dépor ABANCA esta tempada. Na liga regular perdían as galegas 4-0 e 0-2. Hoxe, no partido de ida das semifinais do play-off polo ascenso o encontro rematou en táboas. Cero a cero. Partido sen goles e con todo aberto para a volta na Cidade Deportiva de Abegondo.
Xogaron as galegas un partido serio, concentrado e moi intelixente. Rañaron así un valioso empate 0-0 que deixa todo aberto para o encontro do vindeiro sábado 27 de maio ás 12:00 (Youtube RC Deportivo), no que o Dépor ABANCA recibirá en Abegondo ao equipo estremeño no partido de volta desta semifinal. O factor cancha será decisivo e, seguramente, #ANosaCasa abegondesa vestirase de festa na xornada de reflexión das eleccións municipais para un partido no que as branquiazuis deben gañar.
A formación estremeña, que fixo moito dano ao Dépor ABANCA en Abegondo coa súa presión alta, nesta ocasión optou por non buscar tan arriba ás coruñesas, o que se traduciu nun maior control desde o asubío inicial dun equipo branquiazul que se mostrou moi concentrado, expeditivo e sen fisuras.
Media hora do #CacereñoDéporABANCA nos campos Manuel Sánchez Delgado e en 📺 https://t.co/ZLywukjJ3e! Moita igualdade e poucas ocasións neste encontro de ida de semifinais do playoff de ascenso a #LigaF! pic.twitter.com/w7ZjGUQdO3
— RC Deportivo (@RCDeportivo) May 21, 2023
Froito dese dominio chegou a primeira ocasión do partido, no minuto 5. Inés Altamira atopou en profundidade a Eva Dios, que cedeu ao bordo da área para Ainhoa Marín, cuxo dereitazo superou á porteira Tatiana pero estrelouse no traveseiro.
O primeiro achegamento das locais produciuse no minuto 9. Foi un centro desde a dereita de Nerea buscando o segundo pau que se pechou pero Yohana capturou en dous tempos.
Nin Dépor ABANCA nin Cacereño anotaron na segunda metade
A segunda metade resultou tan igualada como reflectiu o marcador final. Até o minuto 57 non houbo un disparo. Foi por parte coruñesa. Henar recuperou unha pelota en campo contrario, o balón caeu a Millene, a brasileira lanzou en profundidade a Laura Fernández pero o dereitazo da valisoletana, xa dentro da área, foise alto.
Só uns segundos despois respondeu o CP Cacereño Femenino. Sonya Keefe recortou dentro da área a Samara e a Raquel García e o seu potente zurdazo atrapouno Yohana en dous tempos.
Eva Dios probouno cun duro dereitazo desde 25 metros no minuto 64. Tatiana despexou de puños a saque de esquina. O córner acabou en pés da xogadora do Dépor ABANCA Raquel García que bateu moi frouxo a mans da gardameta local.
Quince minutos para o asubío final do #CacereñoDéporABANCA nos campos Manuel Sánchez Delgado e en 📺 https://t.co/ZLywukjJ3e! Millene estivo a piques de adiantar #ásnosas no minuto 71 e a colexiada non sinalou hai uns instres un claro penalti da porteira sobre Carlota Suárez! pic.twitter.com/hMV52Lthi4
— RC Deportivo (@RCDeportivo) May 21, 2023
A mellor ocasión de toda a segunda metade produciuse no minuto 71, cando Millene disparou fóra por pouco á dereita da portería local desde dentro da área despois dun roubo de Ainhoa Marín a unha defensa do conxunto estremeño.
No minuto 74 produciuse a xogada polémica do partido, nun penalti de Tatiana sobre Carlota Suárez, á que golpeou sen chegar a tocar balón cando tentaba saír de puños ao bordo da área, que sorprendentemente a colexiada non sinalou.
Final do #CacereñoDéporABANCA, 0-0! pic.twitter.com/tc5w7kWXp4
— RC Deportivo (@RCDeportivo) May 21, 2023
O marcador mantívose inamovible e as espadas quedan en todo alto para o encontro de volta, o vindeiro sábado 27 de maio ás 12:00 horas (YouTube RC Deportivo) na Cidade Deportiva de Abegondo.
Irene Ferreras citou de novo ás súas futbolistas do Dépor ABANCA mañá luns 22 de maio ás 10:00 na Cidade Deportiva para unha sesión que será de recuperación para as titulares hoxe ante o CP Cacereño Femenino; e máis intensa para o resto.
FICHA TÉCNICA
0) CP CACEREÑO FEMENINO: Tatiana, Sara Rubio, Mireia, Corbacho (Hitomi Tanaka, min. 446), Jenna Holtz, Acedo, Ayaka Noguchi, Nerea (Manoly Baquerizo, min. 64), Castañeda, Edna Imade e Sonya Keefe.
0) RC DEPORTIVO ABANCA: Yohana, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Paula Gutiérrez, Henar, Eva Dios (Sara Navarro, min. 69), Laura Fernández (Carlota Suárez, min. 69), Ainhoa Marín (Carlota Sánchez, min. 85) e Millene (Letti, min. 89).
EQUIPO ARBITRAL: Josefa Sánchez Gómez (colexio cántabro). Amosaron cartón amarelo a Henar (min. 60) e Mireia (min. 90+2).
INCIDENCIAS: partido de ida de semifinais do play-off de ascenso a Liga F disputado no Centro Deportivo Federativo Manuel Sánchez Delgado.