O HC Coruña Feminino e o CH Mataró asinaron un empate vibrante (2-2) nun duelo cargado de emoción, presión e momentos clave, que terminou cun sabor amargo para o conxunto visitante, xa que o punto colleitado non foi suficiente para evitarlle o descenso matemático.
O conxunto local do HC Coruña Feminino, dirixido por Stanis García, saíu cunha presión moi alta desde o primeiro minuto, estratexia que deu froitos rapidamente. Laia Juan abriu o marcador cun auténtico golazo pola escuadra dereita, diante o que nada puido facer a gardameta Paula Lladó.
O dominio coruñés continuou nos primeiros compases, con varias oportunidades claras protagonizadas pola propia Juan e Alba Garrote.

Con todo, o CH Mataró soubo reaccionar, asentarse na pista e cambiar a dinámica do encontro. Mar Parés, moi inspirada, igualou o marcador no minuto 11, e apenas dous minutos máis tarde, volveu aparecer para poñer o 1-2, aproveitando unha defensa local aínda desorganizada.
O golpe fixo reaccionar ao HC Coruña Feminino, que retomou o control do xogo, aínda que con escaso acerto. Tiros afastados de Garrote e Bea Gaete levaron certo perigo, pero non atoparon portería. Non foi ata o minuto 19 cando se cometeu un penalti sobre unha xogadora local, que Alba Garrote transformou con autoridade, asinando o 2-2 co que se chegou ao descanso.
As porteiras, protagonistas da 2.ª parte do HC Coruña feminino vs Mataró
A segunda parte mantivo o ritmo e a tensión, aínda que con menor acerto ofensivo por ambos os bandos. As porteiras convertéronse en protagonistas, desbaratando as escasas oportunidades claras.
A ocasión máis destacada foi para Fernanda Muñoz nun man a man que desviou paula Lladó cunha luva prodixiosa. Pouco despois, unha gran acción individual de Anna Bulló terminou cun disparo de Garrote que se estrelou na escuadra, rozando o tanto da vitoria para as locais.
Nos minutos finais, o CH Mataró envorcouse en busca do gol salvador. Apostou polo xogo de cinco a falta dun minuto e medio, pero sen precisión nin claridade, acabando por confirmar o seu descenso tras o asubío final.

O HC Coruña Feminino dominou gran parte do encontro, pero volveu mostrar a falta de efectividade que lle acompañou nas últimas xornadas.
O empate deixa ao CH Mataró sen opcións de permanencia, pechando unha tempada complicada cun punto que non abondou ás visitantes para conservar o seu lugar na OK Liga Iberdrola.
Ver esta publicación en Instagram





















