“Non hai discriminación, hai desigualdade”, sostén o vicepresidente do HC Deportivo Liceo, Emilio Fernández, que explica que esa situación de desigualdade con respecto a condicións como os desprazamentos danse “para o feminino e para o de OK Prata” e asegura que ven derivada “da situación económica que teno club”.
A renuncia de Carlos Loureiro, adestrador do primeiro equipo do HC Deportivo Liceo Feminino destapaba unha complicada situación económica para entidade coruñesa que deriva nunha serie de diferencias entre os primeiros equipos feminino e masculino. O club insiste en que o que hai é “desigualdade pero non discriminación”.
“Non ten nada que ver viaxar en autobús que facelo en avión”, recoñecían desde o club coruñés en rolda de prensa ao respecto das condicións de viaxe que son un dos puntos a debate. Mentres o equipo masculino de OK Liga viaxa en avión, o de OK Liga feminina e o de OK Liga Prata fano en furgonetas. Moitos quilómetros nas costas cada quince días antes e despois de afrontar compromisos deportivos. Ese foi o principal moito polo que parece que Carlos Loureiro decidiu facerse a un lado e desvencellarse do club verdibranco este curso.
“Non ten nada que ver viaxar en autobús que facelo en avión”, recoñecían desde o club coruñés
Ao parecer, a pasada semana informóuselle a Carlos Loureiro de que os desprazamentos ían ser en furgoneta ata que cambiase a situación económica. “Se lle dixeramos outra cousa, estaríamos mentindo”, explica o vicepresidente do HC Liceo, Emilio Fernández. “El polas súas circunstancias persoais non podía. El marchou moi ben. Estamos moi agradecidos por todo o que fixo polo equipo feminino e polo club”, advirte o directivo.
Segundo explicaba en rolda de prensa o directivo verdibranco: “En todo momento se lle explicou ás xogadoras que o desprazamento tiña que ser en furgoneta por unha cuestión económica”. O vicepresidente puña como exemplo un desprazamento do equipo masculino de OK Prata que tiña viaxou en furgoneta e xogou dous partidos en 24 horas e para que aforrar unha noite de hotel volveron viaxando toda a noite no bus.
Que os desprazamentos sexa nestas condicións, “aos primeiros que nos desagrada é a xunta. Párteseme a alma ver que teñen que estar máis de 20 horas nun bus. Pero a situación do club é a que é”, asevera.
“Incapaces de capitalizar os resultados deportivos a nivel económico”
Na súa comparecencia ante os medios, o vicepresidente do club máis laureado de Galicia, explicaba que “deportivamente as cousas vannos de marabilla. Pero estamos sendo incapaces de capitalizar eses resultados deportivos a nivel económico”, lamentaba Emilio Fernández.
“Temos tres fontes de ingresos patrocinos, socios e taquillas. Tendo un equipo más na OK Liga non incrementamos patrocinios, nin socios, e na taquilla”, explica Fernández.
“Temos un problema grave económico”, admitía o vicepresidente. “Temos tres fontes de ingresos patrocinos, socios e taquillas. Tendo un equipo más na OK Liga non incrementamos patrocinios, nin socios, e na taquilla no último partido en Riazor no partido da Ok Liga Feminina a taquilla foi de 5 euros. A directiva traballa para reverter esta situación xa que o problema económico que temos é moi grave. Tendo un equipo máis competindo no ámbito estatal críamos que iamos ter máis respaldo. Non foi así”, explica Fernández.
Ver esta publicación en Instagram
“Tentamos equiparalas co masculino, teñen a mesma pista, fisio, psicólogo e preparador físico”
Sobre a situación concreta do equipo feminino declarou que “é a gran aposta da xunta directiva. Reforzamos o equipo. Fichamos a seis xogadoras todas de primeiro nivel para que non tivésemos problema para manter a categoría e si aspirara a cotas maiores. Ao mesmo tempo intentamos equiparar o equipo feminino ao masculino en algúns aspectos. Teñen o mesmo preparador físico, fisioterapeuta, psicólogo, entrenan e xogan na mesma pista que o equipo de OK Liga masculino. Estamos preocupados pola situación do feminino. Se temos problemas económicos en todas as categorías, para o feminino, tamén”, relata Emilio Fernández.
Horarios de adestramento tardíos
Sobre as horas de adestramento do HC Deportivo Liceo Feminino, o vicepresidente do club explicou que “moitas das nosas xogadoras estudan en Santiago e se despraza ata aquí para adestrar. Os horarios que se nos deron para adestrar foi os que nos facilitou con grande esforzo o Concello da Coruña. Non poden adestrar ás doce do mediodía, nin ás catro da tarde nin ás seis. Adestran a última hora da tarde e incluso a última hora da noite. Adestran ás horas que había libres cando fixemos a petición ao Concello e estamos encantados co trato”.
Segundo relata o vicepresidente do HC Liceo, Emilio Fernández, os problemas que houbo no pasado para que as xogadoras se puideran duchar logo de adestrar, “foi so por un tema COVID e está resolto hai un mes. Se non se solucionou antes foi por un tema de protocolo de prevención da COVID”. Segundo asegura Emilio Fernández, “o equipo masculino tampouco se puido duchar a tempada pasada, polo que non é unha cuestión so do equipo feminino”.
Ao respecto do servizo de lavandeiría ao que ao parecer tampouco terían acceso agora mesmo as xogadoras do equipo feminino, sinalan que é un tema en resolución para o equipo de OK Prata e o de OK Liga feminino “pedíusenos e esperamos solventarlo nas vindeiras semanas”, dixo Emilio Fernández.
Outro capítulo que estaba sobre a mesa era o de posible falta de pagamento. O directivo relataba sobre este tema que “Hai dietas que se lle deben a algunha xogadora e dúas mensualidades ao adestrador. Tamén hai nóminas que se lle deben a xente de administración do club. Hai xente de OK Liga á que se lle debe. Hai xogadores que se foron hai oito anos aos que seguimos pagándolles. Non é algo que afecte so ao feminino. Afecta a máis categorías, á administración e incluso a ex-xogadores”.
Emilio Fernández: “Estou certo de que esta situación vaise reverter”
A solución a esta situación económica pasa por acadar máis apoios para a entidade deportiva coruñesa. “Estou certo de que podemos facelo mellor pero precisamos un respaldo á altura do palmarés e historia que ten o club”, apuntaba Fernández ante os medios.
“Estou certo de que podemos facelo mellor pero precisamos un respaldo á altura do palmarés e historia que ten o club”, apuntaba Fernández
“Estou convencido de que esta situación vaise reverter nun futuro próximo. Desde a xunta directiva estamos facendo todo o posible para xerar máis ingresos e cremos que poderemos solventalo nos vindeiros meses. Os esforzos pedímosllos a todas as categorías tamén ao masculino de OK Liga”, apuntou o vicepresidente. De feito, advertiu: “Non podo garantir que o equipo masculino de OK Liga non teña que tamén ir competir en furgoneta”.
“As axudas ao feminino chegan a posteriori”
Sinalaba Emilio Fernández que o “100% dos ingresos chegan da OK Liga masculina e os repartimos en todas as categorías. Non temos recibido ningunha subvención da OK Liga feminina. Ingrésanse a posteriori. As axudas de tempada recíbense despois. E ti non podes comer hoxe con cartos que recibes dentro dun ano”.
Confesaba o directivo que incluso valorouse non saír a competir pero desbotouse esa opción. “Tiñamos tanta ilusión coa OK Plata e o Feminino que se cadra tiramos máis de corazón que de cabeza, por que os números non saían. Decidimos tirar para adiante xa que é bo para todas as categorías inferiores do club que teñan un referente na cidade xogadores e xogadoras e que saiban que poden competir ao máximo nivel sen ter que irse”.
Emilio Fernández, vicepresidente do HC Liceo: “Criamos que iamos incrementar o número de socios pero non pasou”
Na súa intervención, Emilio Fernández manifestaba: “Espero que as xogadoras non teñan que viaxar en furgoneta todo o ano. O primeiro interesado é o club. Pero tamén no equipo de OK Prata e todos par que poidan competir nas mellores condicións”.
Nas contas da directiva estaba un aumento de masa social que non chegou. “Temos uns 2.000 socios. Criamos que iamos incrementar o número de socios e non pasou, e tamén agardamos ingresos en taquilla. Pensamos que algunhas marcas da cidade ían apostar polo equipo feminino e non foi así. Isto é un problema económico”.
Sobre a persoa que vai substituír a Carlos Loureiro á fronte do banco do HC Deportivo Liceo Feminino, Emilio Fernández dixo que se barallan varias opcións e que a persoa que se encargue “estará á altura do equipo e do club. Esperamos telo martes ou mércores”.