O CV Emevé continua a completar o seu plantel para o inicio da Liga Iberdrola. O equipo de José Valle contará nas súas filas coa internacional colombiana Darvelis Mosquera e a brasileira Mariana Capovilla.
Este será o debut de Capovilla na competición española. A nova loitadora conta con experiencia en ligas europeas como a suíza ou a portuguesa e do seu novo club destacou “a confianza, o respecto e o cariño que me transmitiron durante todo o proceso ata que cheguei, como tamén o recibimento que me deron”. Todo isto levou á internacional a apostar polo Emevé.
Así mesmo, a brasileira tamén mostrou a súa admiración polo bo ambiente no vestiario: “Vexo ao noso equipo como unha gran familia: facemos todo xuntas, existe moita comunicación e temos un gran ambiente”.
Pola súa banda, Darvelis Mosquera chega procedente da liga portuguesa. Coa súa selección internacional a xogadora logrou a clasificación para o Mundial. Na súa chegada a Lugo, a colombiana asegurou que “acabo de chegar pero estou moi feliz porque non me esperaba un recibimento así, único. O proxecto vése que avanza hacia un camiño positivo. Imos dar o mellor de nós”.
Ademais, o Emevé tamén contará cun internacional máis. Trátase de Luca Biliato, que formará parte do equipo de Diego Taboada.
O Emevé renova o seu contrato de patrocinio con Ditram Automoción
A presentación destas novas xogadoras tivo lugar nas instalacións do concesionario Mercedes Benz en Ditram, co cal o club renovou o acordo de patrocinio.
Rubén Gil, xerente de Ditram Automoción, recoñeceu que “estamos encantados de poder colaborar cun club tan representativo como o Emevé. Estamos contentos de poder apoiar a un club que con humildade e traballo leva cada fin de semana o nome de Lugo por toda España, algo que é motivo de orgullo para todos os lucenses”.
No acto tamén estivo presente a presidenta do Arenal Emevé, Bibi Bouza, quen agradeceu “a axuda importantísima que nos da Ditram Automoción, máis se cabe pola natureza humilde do noso club”. Ao mesmo tempo, a directiva manifestou o seu desexo de que “este acordo se perpetúe no tempo e que eles se sintan a gusto con nós, como o estamos nós con eles”.